Barral reclama á Xunta o investimento pendente para completar a estación de tratamento de auga e acabar ao 100% cos problemas de turbidez.

81
La alcaldesa de Betanzos, María Barral, durante la visita a la Estación de Tratamiento de Agua Potable (ETAP), junto a técnicos y operarios.

A Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Betanzos vén de culminar unha importante actuación de mellora que permitirá incrementar a calidade da auga subministrada á veciñanza.

Os traballos, financiados con fondos europeos a través da Xunta e con achega municipal, supuxeron un investimento total de arredor de 1,2 millóns de euros.

As actuacións executadas permitiron incorporar unha nova etapa de decantación, mellorando a sedimentación das partículas presentes na auga bruta; reforzar o sistema de filtración mediante a posta en marcha dunha nova liña de tratamento; e instalar un moderno sistema de automatización e control, que posibilita a xestión integral da planta, tanto de forma local como remota. Estas melloras aumentan a capacidade de resposta da instalación ante as variacións na calidade da auga e optimizan os procesos de potabilización.

A alcaldesa, María Barral, valorou positivamente a finalización destas obras, que cualificou de “necesarias e prioritarias” para seguir mellorando o servizo de abastecemento de auga. Non obstante, insistiu en que esta actuación debe entenderse como unha parte da solución e non como o punto final dun proxecto concibido para resolver de maneira definitiva os problemas de turbidez.

Neste sentido, a rexedora lembrou que o proxecto inicial incluía unha segunda fase de actuacións que finalmente non foi executada pola Xunta, unha intervención considerada fundamental para completar a modernización da estación de tratamento e acadar a máxima eficacia no proceso de potabilización.

“Con esta actuación damos un paso importante para mellorar a calidade da auga e a capacidade da planta, pero a solución definitiva pasa necesariamente por executar as obras que quedaron fóra do proxecto finalmente desenvolvido”, sinalou Barral.

A alcaldesa explicou que as actuacións pendentes permitirían alcanzar unha eficacia practicamente total na eliminación dos episodios de turbidez, especialmente durante períodos de fortes choivas ou cando se producen alteracións na calidade da auga captada.

Por iso, desde o Concello reclamouse de novo á Xunta que retome o proxecto inicialmente previsto e habilite o investimento necesario para executar esta nova fase.

“Non podemos conformarnos con deixar a obra a medio camiño. Se xa se comprobou a importancia destas actuacións e existe un proxecto técnico que contempla a solución definitiva, o lóxico é completalo para ofrecer á cidadanía as máximas garantías na prestación dun servizo básico e esencial como é o abastecemento de auga, garantindo a subministración de auga en cantidade e calidade suficientes para afrontar as necesidades presentes e futuras de Betanzos”, afirmou a rexedora.

La alcaldesa de Betanzos, María Barral, durante la visita a la Estación de Tratamiento de Agua Potable (ETAP), donde supervisó las mejoras ejecutadas para incrementar la calidad del abastecimiento y reclamó la inversión pendiente para completar el proyecto y eliminar definitivamente los problemas de turbidez.