Bar Galicia tamén obtén o “premio popular” á mellor tortilla de Betanzos

437

O establecemento, que xa conseguira o premio á “mellor tortilla” na cata do xurado profesional, foi o que máis votos recibiu durante toda a semana por quen degustou o produto gastronómico nos  establecementos participantes

 

 

 

Despois de que o domingo se lle adxudicase o premio á mellor tortilla polo xurado profesional, Bar Galicia resultou gañador tamén do premio popular despois de contabilizar os votos emitidos durante toda a semana nos 15 establecementos que participaron na edición deste ano.  Do mesmo xeito que na final do domingo, o establecemento impúxose por diante de O Noso Lar, A Goleta, Adegas Rivas ou Versalles.

A votación popular coincidiu así coa elección do xurado semanal, que elixiu os cinco finalistas, e o xurado profesional encabezado polo Chef e Estrela Michelín Luís Veira, de Árbore da Veira; Álvaro Victoriano, de Peculiar; e a representante coruñesa na oitava edición de MasterChef, Sara Lúa,  que o pasado domingo, nunha cata a cegas, escolleron a tortilla do Bar Galicia como a mellor da edición 2021.

Nesa final o tres membros do xurado volveron destacar a calidade das tortillas presentadas, o nivel e “a dificultade para elixir a mellor”. O presidente do xurado destacou a “calidade da tortilla de Betanzos, que alcanzou situarse e ser claramente o referente deste produto en España”. Ademais, valorou o traballo que fai nesa promoción o Concello de Betanzos xunto aos hostaleiros e hostaleiras da cidade.

Ademais da cata a cegas realizada na final, anteriormente, o xurado semanal tamén elixiu os cinco finalistas a través doutra cata a cegas realizada entre os 15 establecementos participantes.