Vendima infantil en Pagos de Brigante en colaboración co Concello de Betanzos

150

Lugar e data: Sábado 16 de outubro ás 17:00 h no Paseo Antolín Faraldo

Quen pode participar

Trátase dunha actividade festiva gratuíta dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Para participar é necesario apuntarse. Pode facerse nos colexios CEIP Francisco Vales Villamarín, CPR A Nosa Señora do Carme “Atocha” ou directamente na Adega de Pagos de Brigante.

Cal é o obxectivo?

O obxectivo principal da festa é divulgar a cultura vitivinícola entre as novas xeracións de betanceiros e betanceiras e recuperar os costumes e tradicións de vendima e de elaboración de viño tan vinculadas á historia de Betanzos. Unha desas tradicións é a Festa dos Alborotados, celebrada nesta mesma zona ata finais do século pasado.

Que actividades se realizarán?

Será unha experiencia enriquecedora que lles permitirá aos nenos e nenas recibir as caixas coa vendima, pisar as uvas, prensalas e degustar do mosto. Non faltará un bocadillo de sardiñas de merenda para acougar a fame.

O persoal da adega, un equipo de monitores e, no seu caso, profesorado voluntario asistirá aos nenos e nenas no desenvolvemento de todas as actividades.

Outras animacións

Visita da adega: explicación do proceso de elaboración dos vinos de Brigante

Xogos infantís tradicionais: saltar á corda, carreira de sacos, o pano, a pita cega, a mariola…

Danzas gremiais: por conta dos membros infantís da Agrupación de Danzas

Degustación de viños: as persoas adultas acompañantes poderán catar os viños de Brigante da vendima 2020.

Restauración: os restaurantes e bares situados nas proximidades estarán abertos durante a festa.