O Concello sancionará á empresa que realiza a mellora do barrio da Ribeira ante os continuos atrasos nas obras

295

O Concello abriulle un expediente sancionador á empresa que executa o proxecto de mellora do barrio da Ribeira polo atraso acumulado nos traballos. O Concello incoa un expediente de penalidades á empresa por “mora no prazo de execución” que supera xa os 110 días.

 

 

Con base aos informes técnicos no que se explicita que o atraso é “imputable á empresa”, o Concello propón unha primeira sanción de case 10.000 euros, en concreto, 9.504 euros de acordo á Lei de Contratos, que fixa os importes ante incumprimentos.  Ante a proposta municipal, agora a empresa contará cun período de alegacións antes de facerse efectiva a sanción.

O Concello xa expresara  “o seu profundo malestar” polo atraso que acumulan os traballos e os “inconvenientes que esta situación lles provoca nos residentes da zona”, e advertiulle á empresa que exercería as accións que estimase oportunas ante o atraso na execución das obras, que comezaron en xaneiro e que a día de hoxe aínda non concluíron cando o prazo para facelo era de tres meses.

Os traballos de mellora da urbanización e de servizos desenvólvense na praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do Centro histórico de Betanzos, para reorganizar as dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e descanso da poboación.

Nestes momentos está executado gran parte do proxecto aínda que aínda falta a instalación de pedra, pavimentacións e outros detalles. O goberno local entende que se trata, en moitos casos, dun problema “que está a ter a empresa construtora cos seus provedores” pero esa circunstancia “non xustifica o atraso que acumulan os traballos pasados sete meses desde que en xaneiro comezasen as obras. A previsión neste caso por parte da construtora “non foi a idónea e iso afecta o desenvolvemento dos traballos, creando un grave prexuízo para os veciños que residen no barrio” explicou o goberno local.

Trátase dun dos proxectos máis importantes non só para esta zona senón para a cidade, en canto a investimento, “polo que o Concello requiriulle á empresa que acelere ao máximo os mesmos e busque solucións á situación, e advertiulle, ao mesmo tempo, que ante o incumprimento nos prazos se tomarán as medidas oportunas”.