Betanzos contará este ano cunha pista cuberta de xeo natural de 300 metros cadrados na praza Garcia Naveira durante o nadal

515
O Concello puxo en marcha a iluminación do Nadal

Preto de corenta actividades durante este mes de decembro dirixidas a todas as idades formarán parte do amplo programa de Nadal impulsado polo Concello en colaboración, nalgunhas delas, con entidades de Betanzos, que foi presentado pola alcaldesa, María Barral, durante o día no que se inaugurou a iluminación do Nadal e no que anunciou tamén, como complemento a esas actividades, a instalación dunha pista de xeo natural na praza García Naveira durante o período do Nadal.

A pista de xeo natural instalarase por primeira vez en Betanzos e funcionará, en principio, desde o 22 de decembro ata o 8 de xaneiro. Unha pista de 300 metros cadrados, de xeo natural, cuberta, na que poderá gozar, primeiro, os betanceiros/as durante estas festas, cunha actividade cremos atractiva e que, con estas características, só haberá en cidades moito máis grandes á nosa. Segundo, é un atractivo máis para vir a Betanzos desde distintos puntos da comarca e área metropolitana e iso repercutirá no comercio e a hostalería local durante as festas”, explicou a primeira edil. Nos próximos días presentarase de forma oficial a actividade, os horarios e o funcionamento da instalación.

Xunto á pista, o Concello puxo en marcha a iluminación do Nadal que chega a máis zonas que nunca do municipio, non só na zona urbana senón tamén en cada unha das parroquias. Case 200 elementos formarán parte da iluminación, algúns deles aínda se colocarán nos próximos días nalgunha zona. Cunha árbore xigante, o máis grande que se instalou nunca, con nove metros de altura, e a bóla de nadal na praza da Constitución, xunto a luces do Nadal elaboradas expresamente para os farois modernistas da praza que, sen dúbida, resaltarán aínda máis a súa beleza. Luces de led cun menor custo no consumo e menor contaminación lumínica.

A iluminación foi colocado seguindo un criterio base, o de dar protagonismo á zona comercial e hostaleira da cidade, para incentivar así as compras e o consumo nos establecementos, dentro doutras liñas de acción do goberno local para axudar ao tecido comercial de Betanzos, que se completará cunha nova campaña de apoio ao comercio e hostalería “Merca Tan Cerca”.

María Barral subliñou que “despois de momentos difíciles que pasamos durante estes últimos anos, sempre hai un motivo que nos fai ver a luz, e é precisamente o que quixemos reflectir nos elementos deste ano”.

E todo iso completarase cunha oferta de actividades dirixida a todas as idades durante este mes de decembro e ata o 8 de xaneiro. Case corenta actividades só este mes, organizadas directamente polo Concello e, noutros, en colaboración con entidades.

Exposicións, teatro, música, talleres, concertos, contacontos, cinema, deporte….actividades que arrincan esta fin de semana co tradicional concerto da ilusión e a incorporación dos mozos á banda municipal de música. E unha primeira representación teatral. Precisamente o teatro e o cinema serán protagonistas durante este mes co XIV ciclo de Teatro en Familia e a programación do cinema no Alfonsetti.

En teatro, a partir das 18.00 horas, os días 10 e 17 con obras como “Coser e contar” e o “Labirinto de ilusións”; en cinema os días 11 e 18, tamén ás 18.00 horas, con “Vaia Santa Claus” e “Un pai en apertos”. En ambos os casos con entradas gratuítas ata completar aforo.

Tamén haberá espectáculos de maxia a cargo do Mago Rafa; actividades de narración; obradoiros de poesía;  para estudantes de distintos centros educativos de Betanzos.

Visitas guiadas centradas no Betanzos monumental; obradoiros na aula Cemit de felicitacións do Nadal, compras seguras e postais de nadal; festivais de danza, concerto da Coral O  Eco; contacontos para os máis pequenos; concerto da escola municipal de folclore, ou o concerto da coral de Betanzos, serán outras das actividades deste mes de decembro, no que tampouco faltará a visita dos Reis Magos aos centros educativos, nin as actividades de Papa Noel nos centros sociais.

Haberá xornadas de convivencia coa terceira idade, xogos tradicionais, para acabar cos concertos do coro Novo e do coro Infantil da Orquestra Sinfónica; o tradicional concerto extraordinario de Nadal da Banda Municipal de Música e a IV San Silvestre que terá lugar o día 31.