Betanzos convoca un concurso de ideas para o deseño da imaxe do 800 aniversario da cidade

1631
Vista xeral de Betanzos en 1899 Foto FJMartinez Santiso. Arquivo municipal de Betanzos

O Concello convoco  un concurso de ideas para o deseño da imaxe conmemorativa do 800 aniversario da cidade. O obxectivo é convocar un concurso para logo seleccionar os traballos de creatividade e deseño para a creación do logotipo conmemorativo do 800 aniversario do traslado da cidade de Betanzos á súa localización actual, que será utilizado no material promocional editado polo Concello en folletos, publicacións, produtos de merchandaxe, material de papelaría, etc.

VER CONVOCATORIA

Os traballos que se presenten terán que ser orixinais e basearse na construción dun logotipo conmemorativo dos 800 anos e inspirado nos recursos da cidade, nas emocións e nos sentimentos que esta transmite: cidade medieval, cunha gran identidade cultural, cunha paisaxe e unha contorna excepcional; un centro histórico único, capital do gótico galego, declarado conxunto histórico artístico en 1970; unhas festas declaradas de interese turístico, que inclúen o lanzamento do globo de papel máis grande do mundo e as romarías aos Caneiros; a feira medieval, declarada de interese turístico galego, que conta con innumerables recreacións históricas; cidade acolledora, con persoas que a consenten e admiran; un legado único, o dos irmáns García Naveira; e cunha gastronomía que combina a tradición coa innovación, de proximidade, baseada na calidade do produto e a súa temporalidade, na que destaca a famosa tortilla.

A imaxe deberá de ser versátil e adaptable, dado que ten que convivir con diversos logotipos, como o do Concello, e deberá ser aplicado en diferentes formatos e espazos.

A creación do logotipo é libre, coa condición de que se inclúa a palabra Betanzos. As dimensións e o formato tamén son libres.  Deberá presentarse en cor e en branco e negro.

Establécese un primeiro premio de 3000 euros para a persoa que gaña o concurso tras a elección do xurado. O proxecto gañador publicarase na web municipal e deberá ser entregado ao Concello nun prazo máximo de 15 días un manual de identidade corporativa.

Entre os criterios valorativos estará o deseño con 30 puntos; o valor comunicativo e simbólico, con 25 puntos; a identidade, inspiración nos valores e recursos da cidade, así como nas emocións e sentimentos que transmite, 20 puntos; a versatilidade, con 15 puntos e a aplicación en produtos e formatos, 10 puntos.