Arredor de 250 corredores participaron na Volta Banco Mediolanum á Ría de Betanzos. Galería de imaxes

1404

Nuno Costa (Tambre Bike & Running) impúñase o pasado domingo na Volta Banco Mediolanum á Ría de Betanzos. O corredor luso lograba superar os máis de 21 quilómetros da proba nun tempo de 1:09:40. Costa cruzaba a meta, situada na praza da Constitución, seguido de Pedro Nimo (1:10:47) (M3 & Run by Pedro Nimo club de Corredores) e Fatihi Chhima Abdelaziz (1:13:45) (La Leonesa.). A carreira, organizada polo Concello de Betanzos, o club As Vellas Non Paramos e a Federación Galega de Atletismo, transcorreu, ademais de por a cidade brigantina, polos municipios de Bergondo e Paderne. Preto de 250 corredores tomaron parte na proba que volvía así ao calendario de probas deportivas betanceiras, tras un parón.

En categoría feminina o triunfo foi para Berta Pan Veiras, do Club Atletismo Coruña Comarca, que fixo un tempo de 1:30:41. Acompañáronlle no podio Mónica Mezquita Vázquez, do NoSportLimit (1:34:08), e Sara Pita González de La Mochila del Deporte (1:36:07). Na categoría de Cadeira de Atletismo impúxose Ángel López Fernández cun tempo de 1:15:46.

A proba, que non se celebraba desde 2009, contou cun percorrido urbano e interurbano de, aproximadamente, 21.091,00 metros. Todas as categorías contaban cun premio de 100 euros para a persoa gañadora e 50 euros para a segunda e terceira.

Entre os patrocinadores da Volta Banco Mediolanum á Ría de Betanzos figuran firmas como: Eroski, Decathlon, Grupo Regueira, Talleres Cachaza, Fiateira Motor, Estrella Galicia, López Sánchez avogados, e CIV consulting. Na organización colaboraron tamén os concellos de Paderne e Bergondo, así como a agrupación provincial de Protección Civil e a Policía Local de Betanzos.

Poden consultarse os resultados e tempos nesta ligazón á web Carreiras Galegas: VER

GALERÍA DE IMAXES