Betanzos dá un paso máis na revitalización do centro histórico e contrata a elaboración dun novo plan de Protección de Especial

783
Rúa Roldán no centro histórico de Betanzos

O Concello adxudicou os traballos de redacción do Plan Especial de Protección do Centro histórico, que deberá estar aprobado en 2022. A revitalización do centro histórico é un dos “obxectivos principais do goberno local e iso vai aparellado, sen dúbida, á revisión do plan, unha das accións prioritarias e ineludible para este goberno”, explicou a alcaldesa, María Barral.

Previamente á redacción do Plan, o goberno local realizou unha serie de informes previos, é dicir, “xa temos moitos deberes feitos con datos de medio físico, poboación, infraestruturas, edificacións e construcións, usos do solo, interese e valores culturais, etc, tanto recompilando os datos existentes en arquivos ou outros fondos como efectuando os traballos de campo precisos para a actualización destes, polo que xa hai moito andado”.

O novo Plan Especial substituirá ao actual Pepoch, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña na sesión do 2 de decembro de 1992 (BOP n.º 299 do 30/12/1992) e redactado ao abeiro da Lei 16/1985, de 25 de xuño, de patrimonio histórico español. O plan especial será un documento adaptado á normativa vixente, é dicir, á Lei de patrimonio, co que pretendemos “potenciar a rehabilitación e a recuperación de inmobles. Será un plan acorde á situación actual, pero cumprindo, como non podía ser doutra maneira, as normativas e o que nos permitan estas”.

O obxectivo, indicou, pasa por garantir o futuro do centro histórico como un espazo activo, dinámico, que ofreza servizos e que revitalice a cidade no seu conxunto, definindo usos e conservando o que se estableza no plan especial. Temos unha xoia que queremos conservar, dinamizar e potenciar.

Para a contratación deste documento o Concello contou cunha achega duns 150 000 euros da Consellería de Medio Ambiente tras a sinatura dun convenio entre as dúas administracións.

Betanzos foi no seu momento un “concello pioneiro” á hora de dotarse dun dos primeiros Pepoch de Galicia e grazas ao convenio que asinou coa Xunta contará canto antes cun plan especial do centro histórico adaptado á súa realidade e ás súas necesidades.