Betanzos e Viaqua acordan poñer en marcha a factura sen papel que suporá xerar un fondo anual de ata 8000 euros destinado a familias en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión

450

O Concello e a empresa concesionaria da rede de saneamento e agua, Viaqua, asinaron ho convenio polo que poñen en marcha o en marcha o proxecto “Factura sen papel”, unha iniciativa baseada en tres piares fundamentais: facer un servizo socialmente responsable, potenciar a dixitalización do servizo para facilitar as xestións á poboación e coidar da nosa contorna fomentando o aforro de papel no proceso de facturación bimestral.

O Concello e  Viaqua dan un paso máis no servizo a cidadanía, na defensa da auga como un dereito básico e esencial para todas as persoas, e na sólida aposta polo desenvolvemento sustentable, poñen en marcha o proxecto “Factura sen papel”, unha iniciativa da que os veciños e veciñas que o desexen se poderán beneficiar a partir do próximo mes de xuño.

Este proxecto, supón un cambio sociocultural moi ligado a situación sanitaria que estamos a vivir, no que tanto o Concello como Viaqua, adáptanse as novas necesidades das persoas usuarias, potenciando os canais non presenciais, reducindo así o risco de contaxio entre a cidadanía e os propios traballadores e traballadoras do servizo.

Co firme compromiso de ambas entidades garantindo a auga como un dereito social, o aforro que supoña para a empresa a posta en marcha do proxecto “Factura sen papel” destinarase a constitución dun Fondo Social ao que se achegará 1€ por cada abonado/a do servizo. O esforzo que todos os veciños e veciñas de Betanzos fagan por esta dixitalización contribuiría á consecución dun fondo de mais de 8000 euros ao ano. Este Fondo, xestionado desde os Servizos Sociais do Concello, irá destinado a pagar os recibos de auga, a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social.

A factura sen papel é un servizo gratuíto, polo que a cidadanía poderá consultar as súas facturas a través da área de clientes da páxina web de Viaqua (www.viaqua.gal) e arquivalas no seu ordenador para telas sempre ordenadas e accesibles a calquera hora do día. Outras vantaxes da factura sen papel son: a rapidez, xa que recibirá a información do seu recibo no mesmo momento no que se emite a factura; a seguridade, debido a que só o aboado pode recibir os seus datos persoais e de consumo no seu correo electrónico.

As persoas usuarias poden realizar todas as xestións relativas ao seu contrato de auga en calquera momento e desde calquera dispositivo (ordenador, táboa ou teléfono móbil) dende as canles non presenciais:

– Teléfono de atención á clientela: 900 201 230 (de luns a venres en horario de 08:00 h a 21:00 h).

– Área da clientela na web: www.viaqua.gal.

– Enderezo electrónico: [email protected].

– Servizo de cita previa: realizando a solicitude a través da web ou do teléfono de atención á clientela.

– Teléfono de avarías: 900 201 250 (dispoñible as 24 h os 365 días do ano).

Coidar da nosa contorna e dos nosos recursos hoxe é garantía para o desenvolvemento do mañá. Con esta máxima do desenvolvemento sustentable, mediante a dixitalización do proceso de facturación, todos os veciños e veciñas de Betanzos contribuirán coa mellora do medio ambiente, reducindo  a chegada aos seus fogares de máis de 48 600 facturas ao ano, e a pegada de carbono co aforro de 6169 kg de madeira, 96 763 litros de auga e 1.253 kg de CO2 que non se emitirá a atmosfera como consecuencia da produción do actual papel.