O Concello analizará a presenza da Covid-19 nas augas residuais

828

Betanzos será o primeiro concello de Galicia en utilizar unha  ferramenta tecnolóxica deseñada expresamente como ferramenta epidemiolóxica de alerta temperá da Covid-19 en augas residuais, e así  poder anticiparse na toma de decisións. Esta ferramenta impleméntase grazas ao avance de dixitalización que existe no Servizo de Saneamento de Betanzos que conta cun Sistema de Información xeográfica (GIS) debidamente actualizado, que se alimentará coa ferramenta de xestión City Sentinel.

A dixitalización  permitirá que tras o inicio das mostraxes (integradas durante 24 horas/día) que se realizarán na EDAR, en caso de detectarse presenza xenética de SARS- CoV-2 poder sectorizar a rede de saneamento en 4 partes diferenciadas, que permitan acoutar  os diferentes sectores buscando a orixe dos posibles focos.

En cada sector están referenciados os puntos representativos do saneamento, o edificio municipal Concello, os centros de ensino, a residencia de maiores, o Pai Menni etc. De tal forma que se se detecta material xenético do SARS-CoV-2 no sector principal que se analizará na estación depuradora nesta primeira fase do proxecto, podería ampliarse o seu alcance e instalar un novo punto de mostraxe no sector no que se localiza o punto sensible, mellorando así a precisión á hora de detectar a orixe do posible gromo. O proceso comeza, por tanto, coa mostraxe periódica das augas residuais, nos puntos e momentos determinados mediante criterios técnicos e epidemiolóxicos.

Unha vez que as mostras representativas foron recollidas e analizadas no laboratorio, os resultados transfírense instantaneamente e de maneira automática a unha plataforma dixital. Esta ferramenta permite ao xestor público visualizar graficamente os datos, a través dun mapa dinámico do municipio cunha sectorización por zonas de influencia que facilita trazar a orixe do SARS-CoV-2. Ademais, serve como observatorio único de información agregada que combina os resultados analíticos cos indicadores de evolución sanitaria do municipio.

A ferramenta ponse en marcha en colaboración con Viaqua, a empresa xestora do ciclo integral da auga e os laboratorios Labaqua. Trátase dunha solución de monitorización das augas residuais para cuantificar a presenza do virus SARS-CoV-2. Esta innovadora ferramenta combina un plan de mostraxe adaptada, análises rápidas de RT-qPCR e acceso a un observatorio dixital para realizar un seguimento da evolución do virus en augas residuais e anticipar a aparición de posibles novos gromos na poboación.

A tecnoloxía empregada permite detectar restos do material xenético do coronavirus nas augas residuais e cuantificar a súa evolución. E isto é porque, a pesar de que nestas augas o virus xa está inactivo, o que impide o seu contaxio e a propagación, si que está presente e pódese detectar.

A Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) acreditou a Labaqua, segundo a norma ISO 17025:2017, para a detección e cuantificación do virus SARS-CoV-2 mediante diferentes métodos analíticos de detección rápida e cuantificación de unidades xenómicas q-PCR.

A colaboración con expertos, encabezados polo doutor Albert Bosch, especialista mundialmente recoñecido no campo da viroloxía acuática adscrito á Universidade de Barcelona, garante a validación dos plans de mostraxe adaptada cuxos puntos e frecuencia das mostras adaptadas atendendo a criterios poboacionais e epidemiolóxicos.

A través desta innovadora ferramenta, Betanzos poderá anticiparse a posibles gromos, xa que a presenza do virus detéctase antes de que se manifesten os primeiros síntomas nas persoas afectadas, segundo explicou esta mañá a alcaldesa, María Barral, que destacou a colaboración estreita entre o Concello e a empresa concesionaria, á que lle agradeceu a súa implicación, na posta en marcha desta iniciativa.

O punto de control no que se realizará a toma de mostras será na estación depuradora de augas residuais e que este podería evolucionar conforme aos resultados das analíticas periódicas efectuadas nestes, e á situación epidemiolóxica cara a outro punto do saneamento para realizar unha trazabilidade cara á orixe e grazas á existencia dunha dixitalización completa e sectorización da rede de saneamento. Estas mostras serán levadas a Labaqua, o laboratorio de referencia nacional en implantación de técnicas de PCR para matrices ambientais, que serán capaces de entregar datos fiables en 48 horas. Por último, estes datos, propiedade do Concello de Betanzos, serán incluídos nunha plataforma para o seu estudo, análise e traslado dos datos ás autoridades competentes.

Esta solución pon de manifesto unha vez máis o caso de éxito da colaboración público-privada, coa presenza dun socio público, o Concello de Betanzos e dun socio privado, Viaqua, pertencente ao Grupo Suez que ten máis de 20 anos de experiencia no campo da epidemioloxía e presente no cinco continentes ao servizo da xestión eficiente e sustentable da auga.

A colaboración internacional permanente permite incorporar en todo momento as últimas descubertas neste campo.

Esta solución desenvolveuse a partir dos resultados do estudo de investigación lanzado hai uns meses por Suez, orientado a realizar a caracterización do virus SARS-CoV-2 en augas superficiais, augas residuais e lodos de depuradora, para facer o seguimento do grao de incidencia da Covid-19 e da súa evolución, así como a dispor dun sistema de alerta temperá de posibles futuros gromos da doenza. O proxecto integrouse na iniciativa Sistema Europeo de Monitorización da augarResidual para a vixilancia do SARS-CoV-2 da Comisión Europea e da Dirección Xeral de Medio Ambiente Europea, co apoio de Water Europe, EurEau e a ONU (Programa de Medio Ambiente).