Betanzos fará unha promoción especial da Feira Medieval que este ano cumprirá o seu 25 aniversario.

136

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, presidiu a recepción oficial ás entidades betanceiras en diversos ámbitos: veciñais, sociais, educativas, deportivas, culturais, de comerciantes e empresarios, así como de institucións con representación en Betanzos para celebrar xuntos a chegada do novo ano e desexarlle a toda a sociedade betanceira os mellores desexos.

 

No encontro, a primeira edil fixo balance do ano 2023 e agradeceu o labor de todas as entidades betanceiras: “Grazas polo voso traballo, grazas pola vosa dedicación e esforzo que nunca está recompensado na súa xusta medida, que este encontro de Nadal sirva de recoñecemento ao voso labor por parte do Concello e, por extensión dos betanceiros e betanceiras”.

A primeira edil lembrou que 2023 foi un ano de “sentar as bases de moitos proxectos que agora, neste  2024, se converterán nunha realidade co inicio da súa execución, proxectos que fai un ano por estas mesmas datas puiden adiantarvos e que agora, unha gran parte deles, se poderán executar. Falo dos máis de seis millóns de euros que Betanzos logrou a través dos Fondos Europeos e que, sen lugar a dúbidas, permitirán avanzar nesa transformación que pretendemos acadar de Betanzos nos vindeiros anos, centrados non centro histórico, o Pasatempo, a promoción turística ou a reforma dun edificio emblemático como o Mercado Municipal, serán algunhas das actuacións que iniciaremos ao longo do  2024  grazas a eses fondos do Estado e de Europa”.

Indicou que o Concello está á espera de “coñecer nas vindeiras semanas poder ser receptores doutros proxectos para os que tamén presentamos propostas como son o o parque infantil  do Pasatempo e o Centro de Día do Carregal entre outros, proxectos que xunto a reforma do litoral que pretendemos tamén desenvolver entre a ponte das Cascas e a Ribeira; mellorarán sen dúbida a calidade de vida de todos nós, dos máis mozos e dos nosos maiores”, indicou.

María Barral explicou que todos son proxectos importantes “pero que son necesarios abordar xunto con outros investimentos e actuacións máis pequenas centradas en mellorar todos os servizos municipais. Nesa liña estamos a traballar tamén nos orzamentos municipais que centramos en dous aspectos fundamentais: o eido social e os servizos ás persoas. O mantemento das zonas verdes e espazos comúns, a limpeza, a mellora de parques infantís e, en xeral, de servizos municipais de atención á cidadanía serán os eixes da política municipal”.

Anunciou que lles esixirá “as administracións o que a Betanzos lle corresponde. Nun ano, este 2024, que estará marcado tamén polas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, fago un chamamento a todas as forzas políticas municipais para que o diálogo e consenso da corporación estea por riba de calquera outro interese partidista, que esteamos a altura  do que se espera de nós, que esa responsabilidade de representar ao pobo de Betanzos, os betanceiros e betanceiras se reflicta en esixirlle ao goberno que saia das urnas nas autonómicas que acometa o que Betanzos reclama e é de xustiza.  Melloras en educación, en mobilidade, en equipamentos… como cabeceira comarcal, como referente de cidade histórica que somos, non cesaremos en esixir o que consideramos xusto para os betanceiros e betanceiras. A miña man estará tendida para chegar a acordos, independentemente da cor política que haxa en fronte, con transparencia e respecto”.

Explicou que  esa colaboración e diálogo son imprescindibles para  “evitar que se volvan repetir episodios como os que tivemos que parecer os betanceiros e betanceiras como consecuencia da contaminación da auga o pasado verán, onde, como na pandemia, nos sentimos sós para facer fronte a unha situación onde os recursos municipais eran limitados.”

Aínda así, e a pesar de situación vivida, saímos adiante co esforzo de todos e todas, a pesar da ocultación de datos cruciais como agora sabemos por parte de quen nunca debeu facelo ante un grave problema de saúde pública como o que vivimos e que ademais tivo un importante impacto social e económico.

Anunciou que 2024 será o ano da Feira Franca Medieval, que cumprirá 25 anos. “Precisamente, será uns dos aspectos que promocionaremos dende xa, en Fitur, onde presentaremos a imaxe desa celebración para a que preparemos unha programación especial que poña en valor a feira xa non como referente galego, que xa o é, senón como referente de mercados medievais a nivel nacional. Porque o turismo debe de seguir sendo unha fonte de riqueza da nosa vila, onde o aumento de visitantes é significativo ano tras ano.  A nosa riqueza histórica, o comercio, a gastronomía, a cultura e o patrimonio, son aspectos únicos que temos que seguir promovendo entre os propios betanceiros e betanceiras como entre a xente que nos visita”.