Betanzos ofrece un servizo gratuíto para facilitar, antes da hora, o acceso do alumnado de primaria ao colexio Vales Villamarín

187
CEIP Vales Villamarín

A medida, dentro do programa de conciliación familiar e laboral, ponse en marcha ante a falta de persoal de Educación da Xunta que facía que os e as escolares tiveran que permanecer na beirarrúa, fóra do centro, ata que non chegaba o groso do alumnado.

O Concello xa ofrece desde o pasado día 3 un novo servizo gratuíto dirixido ao alumnado de primaria do Vales Villamarín. Trátase dun servizo que nace coa intención de facilitar a conciliación familiar e laboral e mellorar a entrada ao colexio Vales Villamarín do alumnado de primaria. Ata o de agora, o alumnado de primaria non podía acceder ao colexio pola mañá ata que non chegaban os autobuses e durante ese tempo, as e os escolares tiñan que permanecer na beirarrúa próxima ao centro ata que se abrían as portas para entrar ás aulas. A falta de persoal por parte de Educación da Xunta para que puidese atender ou vixiar durante ese tempo ao alumnado no interior do colexio facía imposible que puidesen acceder ás instalacións e que, por tanto, como única alternativa, se vise obrigado a agardar na beirarrúa.

Esta situación afectaba, especialmente, a moitas familias que tiñan que deixar aos seus fillos no colexio sen que puidesen agardar a que entrase ao coincidirlles co seu horario laboral. O servizo é, precisamente, para cubrir ese tempo. Funcionará entre as oito e media e as nove da mañá. O alumnado de primaria que vaia chegando ao colexio, antes do inicio das aulas, terá acceso ás instalacións posto que disporá dun servizo de coidadores que porá o Concello.

O obxectivo é que os pais e as nais teñan a seguridade de que os seus fillos e fillas acceden ao colexio e non fican agardando na beirarrúa e, ademais, a cuberto, non como sucedeu durante estes primeiros días do curso nos que, ademais, choveu.

A medida únese ás outras accións de conciliación e apoio do Concello como o servizo de comedor, mañanceiros ou as actividades extraescolares. Todas estas actuacións encádranse nos programas de axuda ás familias e aos alumnado que o Concello asume aínda que non sexan competencias directas da Administración local.

“Forman parte deses programas dirixidos a Educación nos que tamén se inclúen obras de mellor dos centros que, en ocasións, deberan asumir integramente outras administracións mais que, ao final, leva a cabo o Concello, como a zona de xogos infantís ou a colaboración coa Xunta no amaño do patio cuberto, por citar algúns exemplos, apunta a alcaldesa, María Barral.

A primeira edil insistiu tamén na necesidade de que Educación “non demora por máis tempo” as obras de mellora que “ten que realizar no colexio Vales Villamarín e que, entre outras cousas, inclúe a ampliación do comedor do colexio. É necesario que, dunha vez por todas, inclúa nos seus orzamentos unha serie de actuacións demandadas desde hai anos polo Concello e a comunidade educativa e que a día de hoxe seguen sen executarse”.