Betanzos executará no POS 2022 dous dos proxectos máis votados nos orzamentos participativos: a mellora do campo do Carregal e a pista de calistenia

408
Campo de herba artificial do Carregal

O Concello de Betanzos realizará o próximo martes un pleno extraordinario para aprobar máis proxectos que xa están incluídos no Plan provincial de cooperación de obras e servizos solicitado á Deputación. Entre eles figuran dúas das propostas máis demandadas nos orzamento participativos: a mellora do campo de fútbol do Carregal e a instalación do primeiro parque de calistenia. En total, o investimento previsto é duns 180 000 euros.

A proposta de mellora do campo de fútbol do Carregal recibira a maior parte dos votos na convocatoria de orzamentos participativos realizada polo Concello. Os traballos consistirán na instalación do peche acristalado na zona superior da grada, bancos homologados, teito na entrada do campo, reparación e pintado de muros e portóns, ampliación de redes de servizos, formigonado do perímetro do campo e mellora de vestiarios. Este proxecto recibiu no proceso un total de 105 votos dos 339 emitidos. O orzamento destas obras ascende a uns 125 000 euros.

Outro dos proxectos que recibiu máis votos e que agora se inclúe neste programa provincial foi a pista de calistenia, que finalmente o Concello decidiu instalar no parque Pablo Iglesias, na zona dun pequeno parque de xogos infantís que apenas ten uso actualmente. Para aproveitar este espazo instalaranse os elementos de calistenia e unha nova capa de caucho. O investimento previsto é duns 40 000 euros.

Esta pista completará outro proxecto que o Concello xa ten aprobado como é o de mellora integral do parque Pablo Iglesias, no que se investirán uns 100 000 euros. Trátase dunha actuación, incluída tamén nun plan provincial, que contempla a plantación de novas árbores, a renovación dos pavimentos e os bordos e novo mobiliario urbano, entre outras cousas. Os traballos incluirán a tala de árbores mortas, que presentan un deficiente estado fitosanitario ou que teñas un grao de inclinación  que supoñan risco de caída ou fractura. Plantaranse 28 novos exemplares en substitución dos que se retiren.

Canto ao mobiliario urbano retiraranse os bancos existentes por estar en mal estado de conservación, moitos deles semisoterrados coas sucesivas achegas de material. Colocaranse 23 bancos con apoio nas costas e nos brazos (como unha das peticións das persoas usuarias de maior idade) e procurarase a uniformidade de acabados e gama cromática. Tamén se substituirán as 9 papeleiras e optarase por un modelo máis actual, en consonancia cos novos bancos.

Limparanse as luminarias, as esculturas, o reloxo de sol e o escudo mediante procedementos adecuados que non deterioren o granito. Colócase unha nova fonte bebedoiro cuxo deseño, cun premedor sobre o poste, permite a súa utilización por unha maior diversidade de persoas usuarias e na interseccións dos camiños diagonais colocaranse unhas xardineiras centradas, sensiblemente alombadas, con plantas de longa floración.