Betanzos prevé que o convento das Donas está finalizado na primavera de 2023

915

O convento das Donas estará finalizado para os seus novos usos como centro cultural e social na primavera de 2023. As obras, que están nestes momentos ao 50% da súa execución, foron visitadas pola alcaldesa, María Barral, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, que mantiveron un encontro coa dirección da obra e a empresa que realiza os traballos.

 

Trátase, segundo a primeira edil, dunha das obras máis importantes de recuperación patrimonial das realizadas polo Concello xunto co parque do Pasatempo, dentro dunha serie de actuacións patrimoniais nas que a primeira edil lembrou o proxecto previsto para o centro cultural San Domingos, o mercado municipal do centro histórico, ou a mellora do Edificio Arquivo.

A primeira edil indicou que a intención é poñelo á disposición da veciñanza a próxima primavera aínda que “ese obxectivo, marcado na adxudicación dos traballos, depende do desenvolvemento das obras, máis tendo en conta que se trata de traballos de recuperación e restauración polo que en calquera momento poden aparecer cuestións que non están completadas e atrasar as obras”.

Neste sentido, destacou a aparición dunha nova entrada ao convento, que non estaba prevista no proxecto inicial e que apareceu durante as obras, na fachada da avenida Fraga Iribarne que agora hai que integrar nos traballos de reconstrución do inmoble. María Barral indicou que o convento se enmarca tamén nunha serie de proxectos de mellora de equipamentos para Betanzos, en xeral, e para o barrio da Condesa en particular, onde se levara a cabo tamén o acondicionamento da praza Enrique Riego e a creación dunha zona de lecer na parte superior da urbanización, un lugar que se degradou durante estes últimos anos.

A alcaldesa destacou o cambio que se vai a producir na entrada á cidade polas Cascas, cunha nova imaxe desta zona onde o convento e novo centro socio cultural se converterán nunha referencia patrimonial e revitalizará, sen dúbida, todo o barrio.

A zona rehabilitada, onde estaban os restos do convento eran, no seu día, para parte do patio traseiro, a zona de servizos, cadradas e anexos, do edificio, xa que da parte do edificio só queda un tramo do muro de fachada que lindaba co patio. É dicir, que o convento estaba situado na zona próxima ao lavadoiro e a ponte das Cascas do que hoxe non hai ningún resto, fóra deste muro “que hai uns meses foi obxectivo dunha polémica estéril, xa que co tempo pode verse que se retirou primeiro e logo reconstruíuse tal e como estaba contemplado no proxecto e aprobado en patrimonio. O arco e a fachada serán, sen dúbida o referente deste edificio”, indicou María Barral.

No seu interior, dividirase o espazo en dúas salas, para usos múltiples, actividades veciñais, mantendo á vista as antigas paredes do convento e elementos que lembrarán, para sempre, o que foi o edificio máis antigo de Betanzos. O centro permanecerá conectado ao parque da Condesa, onde actualmente hai xogos infantís e unha zona verde, a través dunha cuberta, con mobiliario público. No centro dun dos espazos, plantarase unha árbore para “que permaneza na memoria que alí sempre existiu o patio do convento, unha árbore que, ademais, funcionará como reloxo de sol. Outra das singularidades que terán as instalacións”, segundo explicaron as persoas responsables da dirección de obra.