Bar Galicia tamén obtén o “premio popular” á mellor tortilla de Betanzos

294
A Alcaldesa de Betanzos María Barral xunto a Esther Corral "Bar Galicia" premio á mellor tortilla polo xurado profesional e premio popular 2022

Despois de que o domingo se lle adxudicase o premio á mellor tortilla polo xurado profesional, Bar Galicia resultou gañador tamén do premio popular despois de contabilizar os votos emitidos durante toda a semana nos 19 establecementos que participaron na edición deste ano. Do mesmo xeito que na final do domingo, o establecemento impúxose por diante do Rabel e A Goleta.

A votación popular coincidiu así coa elección do xurado semanal, que elixiu os cinco finalistas, e o xurado profesional encabezado por Gorka Rodríguez, da polbeira de Melide, cociñeiro do ano de Galicia 2015, Moncho Méndez, de Millo, mellor cociñeiro de Galicia 2022, e Sara Lúa, de Masterchef, que o pasado domingo, nunha cata a cegas, escolleron a tortilla do Bar Galicia como a mellor da edición 2022.

Nesa final o tres membros do xurado volveron destacar a calidade das tortillas presentadas, o nivel e “a dificultade para elixir a mellor”. O xurado destacou a “calidade da tortilla de Betanzos, que se situou e é claramente o referente deste produto en España”. Ademais, valorou o traballo que fai nesa promoción o Concello de Betanzos xunto cos hostaleiros e hostaleiras da cidade.

É a segunda ocasión, xa o fixo en 2021, que Bar Galicia se impón nas dúas modalidades: mellor tortilla e premio popular á mellor tortilla. Este último é a terceira vez que o gaña, xa que tamén o conseguiu na edición de 2020.