Betanzos reclámalle ás compañías móbiles a mellorar a cobertura despois de días con problemas en varias zonas do municipio

329

O Concello dirixirase a diversas  compañías de telefonía móbil e a Amtega, da Xunta, para trasladarlle o malestar de moitos usuarios e usuarias que durante os últimos días teñen problemas nas comunicacións telefónicas. Os problemas detectáronse non só na zona rural senón no propio centro urbano onde as chamadas se cortan ou “non se escoita ao outro interlocutor”, segundo as queixas veciñais, e isto aféctalle non só a unha compañía senón a “varias delas”.

En principio os problemas detectados foron coas chamadas de voz, pero non co uso de datos. Ademais, hai casos nos que nin tan sequera “dá sinal cando telefonas a alguén”, o que está a causar serios problemas nalgúns servizos. De feito, hai empresas ás que se lle “caeron” as liñas e que levan varios días sen poder “realizar con normalidade o servizo de telefonía”.

A alcaldesa, María Barral, explicou que os problemas detectados estes días “non son habituais” aínda que é verdade “que nalgunhas zonas do centro urbano habitualmente prodúcense problemas de cobertura na telefonía móbil”, unha cuestión que o propio Concello lle trasladou hai tempo aos operadores móbiles.

O Concello tamén defendeu aos veciños de veciños de Piadela e outras zonas do rural como Montellos, Viladesuso ou O Tarreo aos que non lle chega a fibra óptica. “É un problema polo que levamos tempo loitando e no que conseguimos avances. Pero aínda así non estamos satisfeitos porque non é un tema que se poida arranxar da noite para a mañá, polo que seguiremos insistindo ata que nos fagan caso. Estamos coa veciñanza en todo momento nas súas reivindicacións e imos seguir até o final”.

Desde a Alcaldía xa se fixeron as xestións oportunas para que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital recoñecese os problemas que padecen estas zonas. A primeira edil trasladoulle á Secretaría de Estado de Telecomunicacións a negativa das empresas operadoras coas que o Concello mantivo reunións de traballo para ampliar a rede “resultaron infrutuosas” polas dificultades económicas á hora de afrontar a actuación. É por iso, que o Concello lle trasladou ao Ministerio a necesidade de estender a banda ancha de alta velocidade ao 100% da poboación e o despregamento de redes 5G a zonas pouco poboadas, incrementado a cobertura en Piadela, Montellos, Viladesuso, e O Tarreo, ademais de mellorar coberturas móbiles en varios puntos “nos que existen problemas”. Por mor desta petición, o Ministerio incluíu o catro núcleos de poboación como “zonas brancas” para o despregamento de banda ancha “co cal de interese para os operadores, ao contar con axudas do Estado para o seu despregamento”. No entanto, esta declaración “non impide que se algún operador estivese interesado en facer a instalación antes de que o Estado saque a convocatoria oficial para cubrir a necesidade, podería facelo”.

Desde a Alcaldía ínstase á Secretaría de Estado como máxima responsable da modernización tecnolóxica no territorio nacional “mais tamén buscamos o apoio da Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para impulsar esta ampliación da rede”. María Barral insistiu na necesidade de potenciar este servizo “a curto prazo por parte das administracións que teñen obriga de facelo”.