Betanzos quere pór o nome de Carlos Arévalo ao edificio do Club de Piragüismo, ademais de nomealo fillo predilecto

462

O goberno local expuxo hoxe na Comisión de Nomenclátor, Distincións e Honras que o edificio do club de Piragüismo Ría de Betanzos leve o nome de Carlos Arévalo. O edificio, que alberga a sede do club do medallista olímpico, é propiedade da Xunta polo que o Concello dirixirase a Portos de Galicia para que acepte esta petición.

 

 

No caso contrario, o Concello proporá outras instalacións deportivas municipais ou outro equipamento público aínda que considera que “son as apropiadas, xa que alí foi onde se formou e medrou como deportista, á beira do río Mandeo e a Ría de Betanzos”, explicou a alcaldesa, María Barral.

Na mesma comisión, o goberno local oficializou o anuncio realizado pola primeira edil o mesmo día no que Carlos Arévalo conseguiu a medalla de prata nos xogos de Tokio: nomear ao piragüista fillo predilecto de Betanzos.

A alcaldesa destacou o esforzo e traballo de Carlos Arévalo que o levou a alcanzar as actuais cotas e que posibilitará que aínda “se consigan máis éxitos”. “É un orgullo para Betanzos que unha persoa como el consiga a prata á que, estou segura, virán éxitos maiores” indicou que primeira edil quen destacou o labor da súa familia e tamén do Club de Piragüismo de Betanzos. “Estou segura que isto fará que moitas máis nenos e nenas do concello se animen con este deporte do que Betanzos, co Mandeo e a súa Ría, é un claro referente en Galicia e España”.

Nacido en 1993, militar de profesión, Carlos Arévalo inicio no ano 2001 a súa andaina como deportista no club Ría de Betanzos. Tras anos de duro adestramento e competicións, conseguiu a medalla de prata no cadete nacional K-1 o que lle abriu as portas para formar parte no equipo nacional xuvenil.

Logo chegaron outros éxitos, como campionatos nacionais ou o bronce conseguido no K-1 200 no Mundial sub-23 do ano 2016, en ficou ás portas das olimpíadas de Río 2016. Aínda así continuou cos seus adestramentos e en 2019 pasou a formar parte do equipo nacional K-4 500 que logrou a medalla de prata no Mundial dese mesmo ano. En maio de 2021 Carlos Arévalo logrou a medalla de ouro en K-4 500 que presentou a España na Copa do mundo de Szeged, en Hungría.

Logo dun duro e complicado proceso selectivo logrou formar parte do equipo nacional nas pasadas olimpíadas co 5.º posto en K-1 200 e o diploma olímpico e a medalla de prata en K-4 500.