Betanzos solicita a colaboración da Xunta para retirar ocas na contorna do Mendo que atacan á veciñanza e xeran problemas de seguridade viaria e salubridade

125
O Concello acaba de solicitar a colaboración da xefatura territorial de Patrimonio Natural da Coruña para que se faga cargo da retirada, traslado e posterior recolocación de varios grupos de ocas que habitan na contorna do paseo da Galera e que están a ocasionar, desde hai semanas, numerosos problemas aos residentes na zona e a outra veciñanza que transita pola  avenida do Carregal.


Desde Medio Ambiente do Concello trasládanselle á Xunta os problemas que padecen os veciños, especialmente, o que residen nos números 2, 4, 6, 8 e 10 do paseo da Galera. Nesta zona, próxima ao río Mendo, existe unha proliferación de gansos, patos, e, de maneira especial, ocas, que xeran problemas que salubridade, ao deixar sucia a contorna (as beirarrúas e entradas aos portais) polos seus excrementos, e de seguridade viaria, ao invadir a calzada ou as zonas de paso de vehículos aos garaxes.


Ademais, os animais  en varias ocasións atacaron á veciñanza á hora de acceder ás súas vivendas ou simplemente  camiñar preto delas.


O Concello solicita a presenza de axentes de medio ambiente para que determinar e concretar as accións a levar a cabo coas ocas, xa que nestes momentos se considera que na zona habitan tanto ocas de orixe doméstica como ocas salvaxes.


A solución pasaría, en principio,  por retirar os animais e trasladalos a un centro de protección ou a un hábitat non urbano, segundo apuntou o persoal técnico consultado polo Concello.