Betanzos solicita de forma oficial a cesión da antiga N-VI despois do compromiso do Goberno de afrontar unha serie de melloras na vía

225

O Concello aprobou onte en Pleno solicitar de forma oficial a cesión da antiga N-VI entre o límite de Betanzos con Coirós, en Queirís e a Ponte Nova. Trátase dunha antiga reivindicación coa que o Concello pasará a ter a xestión dunha vía que a día de hoxe é unha travesía urbana.

 

 

A proposta foi presentada no Pleno despois da reunión mantida pola alcaldesa, María Barral, en Madrid co director xeral de Estradas, Javier Ferreiro, na que se pechou o acordo que expuña a propia primeira edil para que o Concello aceptase a cesión da estrada e que pasaban por acometer unha serie de necesidades para mellorar o seu estado e a seguridade viaria.

María Barral amosou nese momento a súa satisfacción “pola disposición do director xeral de Estradas e o seu compromiso de realizar as obras expostas desde o Concello, que redundarán nunha importante mellora do tramo e de seguridade, especialmente nas zonas de entrada á cidade tanto desde Atocha como desde A Magdalena”. Os traballos expostos e que serán executados por Estradas incluirán o acondicionamento do pavimento, a sinalización, a mellora de beirarrúas na zona do colexio de Atocha, no tramo que será cedido por Estradas (Queirís-Ponte Nova), e a construción dunha nova rotonda na zona da Magdalena, aínda que este tramo, polas normativas actuais terá que seguir dependendo do Estado.

Coa petición oficial do Concello,  finalízase un longo proceso de reunións e negociacións que comezaron hai meses en Galicia para primeiro definir os termos da cesión da estrada e logo establecer as actuacións necesarias e que concluíron en Madrid coa reunión co director xeral de Estradas. “Aínda que a nosa intención inicial era a de recepcionar a estrada polos beneficios que iso supón tanto para o Concello como para a veciñanza, á hora de xestionar este viario e poder afrontar actuacións que humanicen unha zona que agora mesmo é netamente urbana, o certo é que non podiamos aceptar esa cesión sen que antes non houbese un compromiso de execución dunha serie de actuacións que levamos anos expondo por parte do Concello”, explicou. Entre esas actuacións figura a rotonda do cruzamento da Magdalena, un cruzamento cunha importante densidade de tráfico e un dos puntos negros en canto a sinistralidade.