O Concello adxudícalle a unha nova empresa o servizo de xestión da piscina e o ximnasio das instalacións do Carregal

601

O goberno local traballa para que os servizos técnicos municipais acurten o máximo posible os prazos para a adxudicación do novo contrato de explotación das instalacións deportivas do Carregal que inclúe tanto a piscina como o ximnasio.

 

 

O actual contrato finaliza o 12 de agosto e a intención do goberno local é que unha nova empresa se faga cargo durante un ano, polo menos, ata non sacar a licitación un contrato de máis duración, da xestión da piscina e o ximnasio despois de que a actual concesionaria trasladase a súa intención de non continuar o servizo.

Neste sentido, hai semanas convocouse un concurso público e aínda que houbo consultas de diversas empresas do sector, finalmente, só se presentou unha, Servizos Deportivos Galegos, que será, en principio, a adxudicataria deste servizo, a falta de completar agora os trámites administrativos. O obxectivo é que ese novo contrato comece a funcionar o máis axiña posible xa que a actual empresa deixará as instalacións o 12 de agosto. Esta situación foi a que motivou que se fixese un contrato destas características, xa que elaborar agora uns pregos para moitos anos “levaría moito máis tempo, unha tramitación máis complicada e obrigaríanos a pechar a piscina e o ximnasio durante bastante tempo”.

O servizo suporá un custo para o Concello de 195 423 euros (sen IVE) e prolongarase durante un ano. O novo contrato vén dado despois de que tanto o goberno local como os grupos da oposición tivesen coñecemento da “difícil” situación que atravesa a empresa concesionaria porque así llo trasladou no seu momento o representante da propia empresa aos grupos políticos. Ante esa situación, o Concello tivo que reaccionar e buscar os mecanismos administrativos que posibilitasen unha contratación do servizo moito máis áxil para atender ás máis de 700 persoas usuarias das instalacións.

A alcaldesa, María Barral, mantivo tamén reunións cos traballadores e traballadoras da concesionaria para coñecer de primeira man a súa situación despois de que a propia empresa anunciase a súa intención de acceder a un preconcurso de acredores e a inquietude e preocupación, lóxica, que había entre os traballadores e traballadoras. En todo caso, o que sempre se trasladou desde o goberno local foi o seu apoio e colaboración tendo en conta que o Concello non pode “meterse na relación laboral da empresa co seu persoal. Tentaremos mediar, se é necesario, pero a relación contractual e laboral entre eles e a empresa é allea ao Concello”.

Indemnización

A empresa reclamoulle ao Concello dúas indemnizacións, amparadas por lei, como consecuencia da afectación que tivo no servizo a pandemia durante 2020. Así, o Concello abooulle con base a este concepto arredor de 120 000 euros. Agora presentou outra reclamación que inclúe todo o ano 2021 de máis de 220 000 euros, unha reclamación que os servizos xurídicos e económicos do Concello están a estudar.