Betanzos solicítalle á Xunta unha modificación da sinalización da estrada a Abegondo para permitir o acceso ao núcleo do Farragoto

247

O Concello solicitaralle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade unha serie de actuacións nas estradas que son da súa competencia co fin de buscar solución a diversas “problemáticas” que a afectan a un bo número de veciños e veciñas en diversas zonas do municipio. Entre elas, a alcaldesa, María Barral, explicou a situación que padecen a veciñanza do Farragoto que, desde o pintado e sinalización da vía realizado pola Xunta, están “obrigados a percorrer máis de catro quilómetros para acceder a este núcleo de poboación”.

A liña continua de sinalización que prohibe os xiros á esquerda en dirección Betanzos-Mesón do Vento, o que obriga a dar o xiro na rotonda de Montellos e percorrer unha importante distancia que, en moitos casos, a veciñanza ten que realizar “varias veces ao día”. Neste sentido, desde o Concello pedirase á Xunta que  repoña  a “sinalización que existía ata agora nese tramo” e que permitía o acceso ao núcleo do Farragoto.

O Concello tamén pedirá outras melloras nesta mesma vía que “levan anos sen ser atendidas”  e nas que de “forma periódica” sucédense situacións perigosas tanto para peóns como para condutores. O goberno local lembra que o pasado ano volvéronse a producir varios accidentes na vía que une Betanzos con Abegondo, unha situación que se repite e que fai que desde o Concello se reitere a petición á Xunta  para que “dunha vez por todas mellore o tramo urbano desta  estrada ao seu paso por Guiliade, ademais doutras actuacións solicitadas desde hai anos como a reforma da mesma vía ao seu paso por Infesta e, en concreto, pola ponte sobre o ferrocarril”. A elas únese a necesidade dunha “urxente” pavimentación de moitos tramos e a roza de vexetación nas beirarrúas en Infesta e que provoca  que os peóns teñan que invadir a calzada para poder camiñar “co perigo que iso supón”.

No caso de Guiliade, trátase dun tramo netamente urbano, con vivendas por ambas as marxes, polo que considera que é necesario reducir á velocidade, como mínimo, de 70 km/hora a 50 km/h. O goberno local non logra entender como, coas características propias de Guiliade, cun núcleo netamente urbano, o tramo non se identifica nin como travesía nin zona urbana, polo que se mantén a velocidade a 70 quilómetros por hora co risco que iso supón para a veciñanza da zona que cada día transita pola vía e que, ante esta situación, non ten unha zona de paso peonil segura. A solución achegada pola Xunta ante esta situación foi que ” se incrementasen os controis para sancionar aos condutores que circulan por encima do límite de velocidade”, unha alternativa á que o Concello non se opón, pero que “debería de estar acompañada por un cambio de sinalización e a redución de velocidade”.

A alcaldesa, María Barral, tamén se referiu ao tramo de Infesta, un punto negro do municipio no que desde hai anos o Concello insiste ante a Xunta para que aborde a reforma da ponte sobre o ferrocarril. “Trátase dun punto no que se producen constantemente accidentes, algúns, hai anos, con vítimas mortais. É necesario modificar o tramo, e incrementar a seguridade viaria e, de forma especial, dos peóns”.

Ademais desta actuación, a primeira edil solicitará a construción de beirarrúas na zona de Piadela-Guiliade, así como a creación dun camiño seguro que una Betanzos coa residencia da terceira idade e o centro Pai Menni.