Concello, Augas de Galicia e empresa concesionaria concretan unha serie de actuacións para adaptar a planta de tratamento a situación do Mendo.

142
A alcaldesa María Barral, durante a visita que fixo á planta de tratamento onde se levan a cabo as obras xunto a responsables de Viaqua

Incrementar os equipamentos da planta de tratamento de auga por encima dos estándares dun modelo tipo deste modelo de instalacións  que permitan minimizar os efectos de presenza de norovirus no río que provocaron episodios como os vividos no mes de xuño e xullo. Con ese obxectivo, a alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión de traballo con Sanidade,  Augas de Galicia e a empresa concesionaria co fin de analizar entre todas as partes diversas actuacións na planta e acelerar algunhas delas tendo en conta as características actuais do río e os episodios de norovirus producísense practicamente de forma consecutiva. “É un feito que nos preocupa porque pode volver darse. Non é unha circunstancia illada e por tanto hai que adaptar a planta a uns estándares por encima dos que teñen este tipo de instalacións, para facer fronte a unha situación que ata o de agora non se deu con anterioridade e que é a presenza, como sucedeu en xuño e xullo, de norovirus no río”.

Ante esta situación, existe un compromiso de acelerar as actuacións que estaban previstas na planta a través do proxecto que está a levar a cabo a Xunta con fondos da Unión Europea; e a achega do Concello, que alcanza en total os 1,2 millóns de euros (75%  da UE, 17%  do Concello e o resto da Xunta).

Estas actuacións permiten incrementar en certa medida a capacidade de plánta pero é necesario, tras os episodios vividos estas semanas, mellorala cos “sistemas que nun primeiro momento estaban incluídos no proxecto inicial da Xunta, pero que se eliminaron,  no seu momento para axustalo á axuda de fondos europeos”, explica a alcaldesa. É máis, o Concello solicitou, en marzo de 2021, que aproveitando outras convocatorias de Fondos, a Xunta incluíse nunha nova solicitude  o que “se quitou do proxecto ata alcanzar un investimento de 1,7 millóns de euros, pero a petición non foi atendida”.

Agora a formulación é que a Xunta acelere as obras que restan da primeira fase e que en lugar de seis meses “póidanse acurtar aos catro meses” e en paralelo o Concello e a empresa concesionaria “doten a planta con máis equipamento, adaptado ás novas circunstancias do río”. Así, entre outras, poñerase en marcha un novo sistema de filtración e decantación; un sistema de centrífugo de lodo convertendo así á planta na primeira de Galicia con este sistema; un sistema de depósitos en serie; e un sistema ozonización para tratamento da auga.

A maiores, a  primeira edil indicou que na mesma reunión reiterou a petición  a Augas de Galicia “para que faga un estudo exhaustivo, palmo a palmo, do río augas arriba da zona de captación co fin de dar coñecer se existe algún punto de vertedura como causante da presenza de norovirus na auga do Mendo”.

María Barral explicou que o Concello está pendente das investigacións ou pasos “que se dean desde o Xulgado ante a denuncia admitida a trámite para investigar a vertedura do 13 de xuño no río” e anunciou que desde o PsdeG-PSOE no Parlamento “pedirase á Consellería de Infraestruturas -da que depende Augas de Galicia- os informes sobre as analíticas realizadas no río durante as últimas semanas, xa que o Concello non é coñecedor de ningún resultado desas analíticas”.