O Concello adxudícalle a unha terceira empresa os traballos de mellora de Santa María despois da renuncia doutras dúas construtoras incapaces de manter as súas ofertas

248
O Concello de Betanzos mellorará a contorna de Santa María

A situación que están a vivir moitas empresas polos problemas de subministración ou por non poder manter as súas ofertas nos concursos públicos fará que o Concello se vexa obrigado a atrasar o inicio dos traballos de mellora da rúa Santa María. Tras rexeitar a adxudicación a primeira das empresas coa oferta máis vantaxosa, 147 036 euros, a segunda delas, que ofertou 149 668 euros tamén comunicou que renunciaba á adxudicación, polo que hoxe, a Xunta de Goberno acordou contratar á terceira empresa do concurso por 150 790 euros. Estes procedementos administrativos derivarán nun atraso de practicamente dous meses para iniciar as obras. Desde o Concello explicaron que a Secretaría xeral abrirá nestes sentido expedientes sancionadores a estas dúas empresas por non manter as súas ofertas.

Os traballos forman parte do Plan Único da Deputación Provincial e con este  proxecto continúa a política de rehabilitación de vías e espazos públicos situados en zonas significativas dentro do centro histórico. Neste caso exponse a pavimentación e a mellora de servizos da rúa Santa María.

A finalidade de todas estas actuacións é reforzar os valores arquitectónicos e espaciais da zona e contribuír así á revalorización patrimonial, social e turística desta parte da cidade. A rúa atópase situada nunha zona dun grandísimo valor cultural, artístico e patrimonial dentro do centro histórico da cidade, concretamente está situada na contorna do conxunto monumental formado polas igrexas de Santa María do Azougue e San Francisco, ambas as dúas pertencentes ao gótico tardío, fundadas no século XIII, construídas no século XIV.

A rúa Santa María ten unha lonxitude aproximada de 112 m e un ancho que varía de 3,49 m no punto máis estreito a 6,61 m na zona máis ancha. Na actualidade conta con dous tipos de pavimentos, chapacuña de lousa con caras de corte irregular e laxas de granito no centro da calzada no tramo comprendido entre rúa San Francisco e o entroncamento coa Segunda Venela Clérigos, pavimentación que presenta nalgunha zona un aspecto malo debido á apertura de gabias para tentar liquidar problemas existentes nos distintos servizos, e laxas de pedra totalmente irregulares e desgastadas con xuntas de morteiro de espesores excesivos no resto da rúa até o seu entroncamento con rúa Pinche.

As obras previstas pretenden sen dúbida contribuír a reforzar os valores arquitectónicos, segundo indicou a alcaldesa, María Barral, quen explicou que con estas obras  “preténdese contribuír á revalorización patrimonial, histórica e turística, ademais por suposto de optimizar o funcionamento das instalacións municipais e liquidar os problemas existentes nas redes actuais”. Coa actuación que se pretende levar a cabo nesta rúa, “dáselle continuidade ás actuacións realizadas en anos anteriores noutras rúas da súa contorna, así como no resto do centro histórico e concretamente nas rúas Pinche, Cerca, Noas e Pastelaría”.

Dadas as características da rúa no que se refire ao seu trazado e dimensións exponse unha pavimentación con laxas de cantaría, sen desniveis, seguindo a pavimentación realizada noutras rúas próximas. As obras contemplan a substitución dos servizos de abastecemento, recollida de residuais e recollida de pluviais coa finalidade de renovar unhas canalizacións obsoletas e liquidar os problemas existentes nestas redes, a mellora da deficiente iluminación pública, a futura eliminación dos cruzamentos aéreos de electricidade e telefonía e a substitución do actual pavimento de chapacuña e pedra por un pavimento de laxas de granito en toda a rúa.