Betanzos reforzará os servizos de limpeza viaria en toda a cidade e, de forma especial, durante as fins de semana na zona de movida

372

O Concello reforzará os labores de limpeza na zona de movida de fin de semana. Nos últimos días trazouse un programa integral de mellora de limpeza que agora se porá en marcha e manterase no tempo cun “plan de limpeza viaria por zonas”. A aprobación do orzamento municipal e a incorporación de novas partidas para reforzar e mellorar este servizo “posibilita que actuacións como esta se poidan desbloquear e levar a cabo co novo orzamento”. Ata agora realizábase limpeza a través de servizos municipais o cal limitaba, en certa medida, as actuacións no tempo.

Agora, o goberno local reforzará o servizo municipal. Primeiro, coa incorporación, nas últimas semanas, de persoal a través do PEL da Deputación, e agora con servizos  externos. O obxectivo é programar unha serie de actuacións que se prolonguen no tempo.

De forma paralela a este plan, reforzarase a vixilancia e o os servizos de limpeza na zona de movida nocturna durante o fin de semana. “Preocúpanos a situación que se está dando en varias rúas durante as fins de semana por condutas incívicas, con vasos nas beirarrúas, vómitos ou ouriños” o que fai que en ocasións os actuais servizos municipais sexan insuficientes para poder limpar en condicións as rúas. Por iso é polo que temos que dar un paso máis ante a actitude irresponsable dalgunhas persoas, explica o concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández.

Servizos do Pasatempo

O propio edil lamentou que unha vez máis os servizos do Pasatempo fosen obxecto de actos vandálicos, con rotura de tubaxes, billas e sanitarios o que provocou que boa parte das instalacións se asolagasen. É un “novo ataque” aos servizos públicos co custo que iso supón para o Concello. Por iso, unha vez acondicionados de novo, delimitaranse os horarios e a apertura e peche destes realizarase con control de persoal do Pasatempo. “Teremos que restrinxir o seu uso, cos problemas que iso causa, pero é a única forma de poder ter controladas as instalacións e evitar os danos”.