O Concello amplía o programa de renovación das rúas coa reforma da rúa Concepción Arenal

841
Rúa Concepción Arenal en Betanzos

O Concello continuará o seu programa de renovación de viarias e rúas coa mellora da rúa Concepción Arenal. Trátase dun novo proxecto que se une ao da rúa Pintor Seijo Rubio, que tamén está en fase de licitación; e a outros como o de Tomás Dapena, Alcalde Beccaría e rúa Venezuela que concluíron recentemente. O custo desta nova actuación suporá un desembolso aos 80 000 euros con cargo do POS + 2019 da Deputación provincial. O obxectivo deste proxecto é mellorar o pavimento de calzada e a sinalización da rúa, así como ampliar e renovar o tramo de beirarrúa na que non se actuou cando se realizaron as obras de renovación de servizos e ampliación de beirarrúas no ano 2008, completando así todo o tramo.

Para iso levará a cabo a mellora e acondicionamento do pavimento da calzada en toda a rúa, procedendo en primeiro lugar ao fresado do pavimento actual e a execución dunha nova pavimentación, e realizarase tamén a sinalización horizontal e vertical da rúa. Tamén se procederá ao pintado das liñas centrais e de bordo de calzada, liñas de parada e outras marcas transversais, aparcadoiros, illotes, cedas, STOP, frechas, etc. Ampliarase a beirarrúa en varios tramos cunha nova beirarrúa con bordo de granito e baldosas tipo granallado.

Dentro do mesmo plan provincial, acometerase tamén a mellora de rúa Pintor Seijo Rubio. O custo será de 254 988,35 euros. Neste caso, o proxecto contempla a substitución de rede de sumidoiros e a recollida de pluviais. Á súa vez, renovaranse as beirarrúas e os pasos de peóns da rúa do mesmo xeito que se fixo no resto das rúas. Como consecuencia da optimización de trazado das beirarrúas, exponse ademais a preinstalación de conducións e arquetas para a futura instalación dun sistema de iluminación.

Anchearanse as beirarrúas, mellorándose o seu trazado e proxectando ensanches para os pasos de peóns. Repintaranse os sinais do chan e o equipamento urbano existente de maneira homoxénea. Substituiranse todas as tapas das instalacións e reporanse os elementos afectados polo paso do tempo.

Por outra banda, delimitarase a zona de aparcadoiro, así como o aproveitamento das beirarrúas para o novo trazado dos pasos de peóns. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas para persoas con mobilidade reducida. Reporase a sinalización viaria por completo, incluíndo a anteriormente citada área de aparcadoiro. Serán instaladas papeleiras e bolardos fixos.

O firme renovarase para dar paso a un máis consistente e homoxéneo en todo o seu conxunto, co que se aumentará a seguridade viaria tanto dos peóns como dos condutores.