O Concello aprobou na súa Xunta Local de Seguridade a adhesión ao sistema nacional Viogén de seguimento dos casos de violencia de xénero

21

Betanzos aprobou na súa Xunta Local de Seguridade a adhesión ao Sistema Viogén, o sistema de seguimento integral dos casos de mulleres vítimas, posibilitando que unha vez asinado o convenio definitivo de adhesión, que as/os axentes teñan máis información sobre as afectadas do municipio e asumindo o seguimento e control daqueles que supoñan un risco menor, estando a Garda Civil a cargo do resto.

A alcaldesa, María Barral, explicou que a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade do goberno local e a adhesión a este sistema programa posibilitará dar un paso máis nesa dirección ao permitir un mellor seguimento deste tipo de casos no Concello. “Calquera paso que se dea en materia de prevención e colaboración e de atención ás vítimas é fundamental para loitar contra esta secuela social”, apuntou a primeira edil.

Este primeiro paso para a incorporación do Concello ao sistema reforzará a colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil que tamén leva a cabo noutros ámbitos de seguridade.

Desde a Subdelegación do Goberno informouse que nestes momentos hai 25 casos activos no Concello e que a aprobación na Xunta de Seguridade para a integración de Betanzos e a sinatura posterior dun convenio de actuación e colaboración entre Policía Local e Garda Civil permitirá “ampliar” os programas de apoio ás vítimas. Neste sentido, a alcaldesa anunciou a intención de crear e pór en funcionamento nos próximos meses un Centro de Información á Muller (CIM) “despois de que a Xunta, no seu momento, e por intereses non técnicos senón políticos, o leve a outro municipio.

Entendemos que Betanzos, como cabeceira comarcal, ten que dispor dun centro destas características e nos próximos meses, se non hai ningún contratempo, agardamos que poida estar en funcionamento”, anunciou.

A Xunta Local de Seguridade estudou tamén os datos de seguridade canto a índices de delincuencia nos que Betanzos está dentro da media provincial. O concelleiro de Seguridade, Diego Fernández, indicou que os datos reflicten un aumento o pasado ano en pequenos furtos como noutras poboacións de similares características a Betanzos, de núcleos urbanos, nos que “debemos de incidir para tratar de reducilos”. De feito, no que levamos de ano nótase “unha redución deste tipo de furtos” froito desa colaboración entre corpos de seguridade.

A Xunta local de Seguridade contou coa presenza da Subdelegación do Goberno, María Rivas, así como representantes da secretaría de ambas as institucións (o Concello e a subdelegación), a Garda Civil, a Policía Local, Protección Civil e o persoal técnico de Servizos Sociais.