Betanzos deseñará postos propios de venda para os mercados semanais e reorganizará a localización das feiras mensuais

296

Mellorar os mercados semanais e reorganizar as feiras mensuais. Con ese obxectivo, o Concello traballa nunha actuación, incluída nun os fondos Next Generation vinculados ao centro histórico, que incluirá o deseño de novos postos de venda para os mercados semanais e a redistribución dos postos das feiras na praza García Irmáns.

A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata dunha actuación coa que se pretende potenciar o mercado de produtos locais, facilitando aos vendedores uns postos de exposición dos seus produtos e que estea acorde á contorna da propia praza. Terá unhas medidas idóneas para a exposición dos produtos e no seu deseño primará que sexa “sinxela tanto a súa montaxe como desmonte”.

A idea tamén é cambiar de localización o mercado e centralizar os postos arredor da fonte da Diana Cazadora, deixando libre o resto da praza. Precisamente esa será a base da reorganización das feiras mensuais, onde en lugar de facer as rúas de postos, como agora, en paralelo ao edificio dos xulgados, as rúas que proxectarán en liñas diagonais desde a fonte de Diana.

Mantendo o número de postos actual, a reorganización de espazos servirá para ampliar as zonas de paso e limitar as rúas para facela tamén máis segura e atractiva. Ao tempo organizaranse os postos por zonas, en función dos  produtos de venda.

As dúas actuacións, nas que se traballa agora para definilas de cara a levalas a cabo nos próximos meses, forman parte dunha serie de proxectos que se incluíron nos fondos Next Generation vinculados ao centro histórico nos que se poderán en marcha novos servizos de mobilidade, a través de bicicletas eléctricas; rutas de coñecemento de centro histórico; iluminación especial para potenciar monumentos; ou creación de zonas de esparexemento para os máis pequenos e pequenas.