O Concello de Betanzos desenvolverá o campamento de verán Betanzos Concilia entre o 1 de xullo e o 14 de agosto para axudar ás familias betanceiras a conciliar a vida laboral, familiar e persoal.

440

O Concello de Betanzos pon en marcha un ano máis o campamento de verán Betanzos Concilia, como axuda ás familias betanceiras na conciliación da vida laboral e familiar. A través de actividades lúdicas, predeportivas, culturais, etc. introducirase a perspectiva de xénero de forma transversal, nunha firme aposta pola igualdade e a coeducación das e dos máis pequenos.

Nesta edición, e tendo como máxima a seguridade das e dos menores fronte á Covid-19, o Concello de Betanzos ofrece 20 prazas por quenda, chegando a un total de 60 nenas e nenos nas tres quendas. As medidas hixiénico – sanitarias e o respecto pola distancia interpersoal serán dous piares fundamentais nesta anualidade.

O lugar de realización das tres quendas será o CEIP Francisco Vales Villamarín, comprendendo a primeira delas do 1 ao 17 de xullo, a segunda do 20 ao 31 de xullo e a terceira do 3 ao 14 de agosto.

Unha vez publicada a lista de persoas admitidas, recórdase ás familias que poden realizar a reserva da praza pagando a cota correspondente ata o xoves 25 de xuño inclusive.

O venres 26 de xuño terá lugar unha reunión informativa coas familias no Edificio Arquivo – Liceo ás 19:30 horas. Para evitar un exceso de aforo e respectar a distancia social, é conveniente que á reunión acuda unicamente unha persoa de cada unidade de convivencia.