O Concello e Patrimonio traballarán da man para que as todas as especificacións de BIC do Pasatempo estean recollidas no documento técnico de rehabilitación do parque

1353

Co obxectivo de trazar a folla de ruta para unificar criterios entre o que se establece na declaración de Ben de Interese Cultural e o documento técnico que hai que redactar sobre os traballos de rehabilitación do Pasatempo, o alcalde, Ramón García Vázquez, acompañado polo secretario municipal do Concello, Rafael del Barrio, mantivo unha reunión coa directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua, e responsables deste departamento.

O primeiro edil explicou, tras a reunión, que Concello e Patrimonio irán da man neste asunto “co fin de unificar os criterios técnicos que se incluirán na rehabilitación da parte histórica do Pasatempo”. Neste sentido, indicou que a Dirección Xeral elaborará un informe coas bases técnicas que terán “que incluírse no documento técnico de execución dos traballos, reflectindo todo o que establece o BIC, co que se adiantarían os prazos á hora de poder desenvolvelo tendo en conta que iriamos da man de Patrimonio desde un principio”.

O alcalde destacou a “colaboración” que se establece entre as dúas administracións, non só a nivel político, senón tamén a nivel técnico e administrativo, razón pola que á reunión desta mañá tamén foi a Secretaría municipal, xa que a execución do proxecto de rehabilitación, unha vez declarado BIC, “conta con outros factores que antes non contaba”.

Por outra banda, Patrimonio valorou os traballos de mantemento que está a desenvolver o Concello durante as últimas semanas, centrados na mellora de camiños, zonas verdes e limpeza xeral. Entre eles, baleirarase o estanque do Pasatempo para posteriormente realizar unha análise polo miúdo da  situación na que están os muros que o rodean así como o seu fornelo central.

Alegacións

Patrimonio informou tamén que unha vez concluído o prazo de presentación das alegacións ao BIC, o pasado día 19, agora analizaranse para, posteriormente, resolver a declaración definitiva como Ben de Interese Cultural. Entre as alegacións presentadas figuran dúas do Concello cuxos técnicos municipais consideran que a proposta de delimitación da zona de protección é excesiva conforme ao establecido na Lei de patrimonio cultural de Galicia, ao considerar que hai dous ámbitos que deberían quedar excluídos da delimitación, os situados nos extremos da proposta da Xunta: o primeiro situado no norte da avenida do Carregal (instalacións de Medio Rural e campo de fútbol municipal), un chan urbano destinado a equipamentos educativos e deportivos. O segundo, un ámbito situado ao sur da avenida Fraga Iribarne.