A Bienal de Balconadas volverá converter as rúas do centro histórico durante o verán nun museo ao aire libre

1518

O goberno local  presentou as bases da XVI Bienal de Pintura Balconadas 2018. As rúas do centro histórico betanceiro volverán converterse así un ano máis en “museo ao aire libre” con obras pictóricas nos balcóns das vivendas da zona entre o 20 de xullo ao 28 de agosto. O prazo de presentación das obras será do 1 ao  30 de xuño. A entrega dos premios o 13 de agosto.

Trátase dun certame único tanto polas súas características como polo marco no que se celebra, consolidado no tempo, que recibe traballos non só de todas as rexións de España senón de países de Europa e, especialmente, Sudamérica.

A concelleira de Cultura, María Barral, explicou que na Bienal poderán participar todos os artistas maiores de idade de calquera nacionalidade que non obtivesen ningún premio nas dúas edicións anteriores e con obras que non fosen presentadas anteriormente en ningún outro concurso ou certame. As bases do certame, publicadas no BOP, estarán dispoñibles na páxina web do Concello www.betanzos.gal. VER

Na edición deste ano establecerase un primeiro premio indivisible, dotado con 5000 euros,  e dous accésits dotados cada un deles con 1500 euros, 500 euros máis que o certame anterior.  A entrega de premios será o 13 de agosto de 2016. O xurado terá o poder de outorgar tamén ata cinco mencións de honra se o estima oportuno, as cales non levarán asociado ningún premio económico, pero si un diploma acreditativo.

Cada artista poderá presentar unha soa obra para a súa selección  con técnica e temática libre. As obras presentaranse  sen enmarcar, sen bastidores, barras, etc, e levarán no dorso o nome e apelidos do autor, dirección, título da obra e ano de realización. A realización pode ser vertical ou horizontal, cunhas medidas mínimas de 120×160 cm e máxima de 150×250 cm Terán un  soporte flexible  (lenzo, loneta, plástico, etc)  sen partes ríxidas que poidan cuartearse  coa acción do vento  e utilizando produtos inalterables á acción da auga. Coas obras premiadas e seleccionadas realizarase un catálogo.