O Concello garante coa súa achega económica as actividades extraescolares para as que se manterá aberto o prazo de inscrición durante todo o curso

550

O Concello  garantirá a súa achega económica para que o alumnado do colexio Vales Villamarín dispoñan de actividades extraescolares. A pesar da situación xerada pola Covid-19, o goberno local pretende que os escolares manteñan servizos que tiñan en cursos pasados “para, entre outras cousas, poder conciliar a vida laboral e familliar de moita veciñanza”, Así, despois de pór en marcha o comedor escolar, contratando os servizos necesarios e adquirindo material para cumprir as medidas de seguridade, o Concello destinará os fondos económicos como o ano pasado para garantir posta en marcha das actividades extraescolares.

A oferta  inclúe: arte e pintura, taekwondo, baloncesto, pequexogos, ximnasia rítmica, psicomotricidade, fútbol e patinaxe. Comezarán o próximo día 1, aínda que, dada a situación xerada pola Covid-19, o prazo de inscrición manterase aberto durante todo o curso escolar.

O programa impartirase a través da asociación Cultural e Deportiva creada, o pasado ano,  por un grupo de pais e nais de alumnado e ex-alumnado que se encarga de xestionar as actividades extraescolares do colexio Vales Villamarín. Para a súa organización, o Concello achega os 11 000 euros cos que colaboraba no desenvolvemento das actividades. A asociación creouse despois de que os informes xurídicos fixesen inviable que o Concello directamente asumise a xestión deste programa.

Ao fío da situación educativa, a alcaldesa, María Barral, volveu referirse á carga de gastos  que o  Concello está a asumir a pesar de que non son de competencia directa municipal. “O Concello xunto coa dirección do colexio e a asociación de pais tratamos de establecer as actuacións necesarias para cumprir os protocolos establecidos, habilitando por parte do Concello o gasto necesario para que o noso alumnado desenvolva o curso coas máximas medidas de seguridade en prevención da Covid-19. Iso non quita que amosemos o noso malestar pola situación. Uns fan o protocolo e outros, aínda sen competencias nin partidas económicas para iso, temos que buscarnos a vida para levalo a cabo”, sinalou a alcaldesa.

Lamenta que a única achega da Xunta para un centro dun milleiro de alumnos e alumnas sexan dúas caixas de “máscaras unhas cen, destinadas a aqueles alumnos e alumnas que se poidan romper durante a xornada lectiva. Non é normal”. Por iso, o Concello colaborará co centro tanto nese tema como en dotar ao profesorado, máis de 60 mestres, de material de protección “que tampouco a día de hoxe dispoñen para o próximo curso”.

A primeira edil indicou que para poder cumprir o protocolo establecido “houbo que adecuar as instalacións escolares” e ese acondicionamento foi  realizado polo Concello a pesar de que “non é unha competencia propia”. “Houbo que sinalizar, instalar dispensadores de xel hidroalcólico, separar aulas en infantil para que cada unha fose independente da outra e conten con baño propio; reformar as entradas e instalar un novo portalón automático cun custo, por exemplo, que supera os 5 000 euros; ou realizar a limpeza, tres veces cada xornada, con medios municipais”.

Estas actuacións terán que ser sufragadas directamente polo Concello con fondos propios. “De momento non se cuantificou exactamente pero estamos a falar dunha cantidade moi importante que o Concello terá que asumir en solitario porque a Xunta non vai destinar un só euro para iso. O Concello de Betanzos e outros concellos teremos que asumir este gasto porque a través da Fegamp xa nos comunicaron que non realizarán achegas extra aos concellos a pesar de que a Xunta vai recibir unha achega moi importante por parte do Estado para Educación”. Para ela, o lóxico é que “a Xunta derive parte destes ingresos aos concellos”.