O Concello informa aos hostaleiros e hostaleiras sobre as condicións que deben cumprir na organización de actividades extraordinarias durante as festas de Nadal

856

O Concello dálles a coñecer aos hostaleiros e hostaleiras da cidade as medidas que deben adoptar e os trámites que deben realizar si pretenden desenvolver unha actividade de carácter recreativo extraordinario (baile, cotillón, concerto….etc), distinta da actividade propia do local autorizada ou recoñecida, durante as festas de Nadal. Será a primeira ocasión en que o Concello regule este tipo de actividades, que ata agora dependían da Xunta, que cedeu estas competencias ás administracións locais. Os locais que estean interesados poderán consultar a información na web municipal e deberán tramitar e presentar no Concello a pertinente Declaración Responsable nos termos exixidos pola Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. VER

O Concello autorizará este tipo de actividades cando se desenvolvan no interior dos locais  sempre que reúnan e cumpran os requisitos esixibles. Non se permitirán nin autorizarán actividades de carácter extraordinario no exterior do establecemento, sobre espazo libre público, é dicir, sobre as terrazas. Entre os documentos que deberán presentar está unha descrición da actividade extraordinaria que se pretende realizar, local, datas, capacidade máxima, número localidades que se porán á venda e o seu prezo, etc. Ademais, deberán presentar un proxecto e a documentación técnica que resulte exixible segundo a natureza da actividade. Para estes efectos, enténdese por proxecto o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que lle permita á Administración coñecer o seu obxecto e determinar o seu axuste á normativa urbanística aplicable. O proxecto e a documentación técnica serán redactados e asinados por persoa técnica competente. Os establecementos tamén deberán contar cunha póliza de seguro de responsabilidade civil obrigatorio, previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e o recibo de pagamento das primas correspondentes ao período do seguro en curso ou a copia destes. Para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que requiran a montaxe de estruturas non permanentes desmontables (escenarios, etc): O documento acreditativo da designación, por quen presente a declaración, da persoa física ou xurídica que debe asumir a responsabilidade técnica da montaxe da instalación.

En caso de incumprimentos, o Concello lembra que estes estarán suxeitos ao réxime establecido e que ditamina a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das posibles responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan. Restitución xurídica ao momento previo ao inicio da actividade, imposibilidade de instar a un novo procedemento co mesmo obxecto durante un período de tempo de entre tres meses e un ano e con sancións que poden chegar ata 601.012,1€ ou suspensións, prohibición ou clausura da actividade ou local por un período máximo dun ano.