O Concello está a levar a cabo unha campaña de limpeza viaria e de desinfección nas rúas do centro urbano, en parques, prazas e en mobiliario público. O plan completa as accións realizadas durante estes últimos días a través dos servizos municipais e do Consorcio das Mariñas.
Os servizos municipais de Protección Civil, dotados de equipos especiais, comezaron a limpeza polo mobiliario público como marquesiñas e bancos, que continuará nos parques e nas prazas para continuar nas distintas rúas da cidade.
Paralelamente, o Concello puxo en marcha unha campaña #Quedanacasa, baixo esta etiqueta, o Concello comezou unha campaña para pedirlle á veciñanza de Betanzos que quede nas súas casas durante o confinamento polo Covid-19. Para iso, recorre á campaña que leva utilizando desde hai algún tempo baixo a lema “Betanzos tan cerca”.
Coas mesmos cores, o Concello fai un chamamento agora á xente facendo fincapé que nestes momentos “Fai falta estar lonxe, para volver a estar tan cerca”. A campaña desenvolverase nas redes sociais e na web do Concello, xunto a outras mensaxes de concienciación e información diaria que o goberno local traslada a través destes medios. Todas estas accións están dirixidas a “que os betanceiros e as betanceiras esteamos concienciadas da importancia de non saír de casa e só facelo en caso necesario segundo as ordes do Goberno”, indica a alcaldesa, María Barral, quen lembrou que para calquera tipo de necesidade o Concello mantén operativo o 981 774 742.
Ademais, existe un servizo de voluntariado, con Cruz Vermella e os Sociais Sociais, ao que pode recorrer calquera veciño ou veciña que así o necesite, especialmente, aquelas persoas maiores, que vivan soas ou as que estean nunha situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, o Concello fai un chamamento para que a veciñanza que detecte algún caso no que “algunha persoa necesite axuda ou colaboración ante a situación extraordinaria que se está a vivir se poña en contacto cos Servizos Sociais chamando ao 981 770 707 a calquera hora do día ou ben ao teléfono de atención 981 774 742.
Ademais, reforzarase o servizo de teleasistencia por se hai circunstancias especiais dalgunha persoa que o poida necesitar e os servizos de acompañamento de persoas que vivan soas e poidan necesitalo para desprazarse ao centro de saúde para recibir tratamentos como o sintrón.