O Concello impulsa unha campaña para que a súa veciñanza máis nova comparta nas redes municipais os seus debuxos sobre o confinamento

506

O Concello de Betanzos impulsa unha campaña para que a súa veciñanza máis nova comparta nas redes municipais, coa etiqueta #Quedanacasa, debuxos de elaboración propia sobre o confinamento, e achegar así a súa particular visión sobre o estado de alarma que se decretou debido á expansión do coronavirus por todo o mundo.

A través das redes municipais, os máis pequenos e pequenas de Betanzos poderán ou ben enviar unha imaxe da súa obra, ou un retrato con esta, a través das contas oficiais do Concello: Facebook (Concello de Betanzos), Twitter (@AyuntBetanzos ou @BetanzosTanCerca) e Instagram (@betanzostancerca).

No caso de querer compartir a imaxe co rostro, todos os menores han de ter o consentimento dos titores ou titoras legais, para cumprir así coa Lei de protección de datos. Ha de indicarse nome e apelidos do autor ou autora, e unha pequena descrición do debuxo elaborado.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, quixo trasladar “todo o apoio do Concello a todas nosas veciñas e veciños, tamén aos máis novos. Non está a ser fácil abstraerse da situación que estamos a vivir, e con esta campaña queremos compartir co mundo a visión particular que desde os ollos dun neno ou unha nena se dá do confinamento que nos tocou pasar”, dixo a rexedora.