O Concello, os técnicos e a empresa adxudicataria ultiman o inicio das obras de reconstrucción do convento das Donas para febrero

400

En febreiro arrancarán as obras de reconstrucción do convento das Donas. Así quedou previsto na xuntanza de traballo que o goberno local mantivo co equipo redactor do proxecto, a dirección facultativa; os responsables de seguridade; o técnico municipal e a empresa adxudicataria.

 

 

A actuación alcanza os 372.700 euros, financiados entre a Deputación e o Concello, cunha aportación, a  municipal, de máis de 200.000 euros. Con este proxecto intentarase “devolverlle vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público de uso”, segundo explicou a alcaldesa,  María Barral, ao término da xuntanza do gobernmo local. “Será unha obra singular, unha aposta deste goberno por recuperar o patrimonio para uso da veciñanza, unha construcción que será un referente polo que significa para Betanzos”, indicou o concelleiro de Infraestructuras, Diego Fernández

A proposta técnica ten como obxectivo conseguir un espazo que sexa referencia, non polo seu tamaño, senón por devolverlle o valor que a construción representou na contorna e para as xentes daquela época. Un espazo que dote de carácter ao conxunto sen alterar o volume e o revalorice, que permanece dende a orixe da construción.

O proxecto inclue uns criterios da intervención que se poden resumir en: Conservar todo aquelo que se recoñece como parte da edificación conventual e eliminación de aditamentos que co tempo se lle foron engadindo sen criterio e que se atopan ademais en ruína; Conservar testemuñas das diferentes épocas e usos que tivo o monumento; Devolverlle ao conxunto a posibilidade de uso; e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación  da existente.

Os usos que a actuación proxecta para este inmoble están en relación coa poboación da contorna, adaptada ás súas necesidades. Contémplase a creación de espazos onde as actividades de lecer, estudo, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver. O programa tradúcese na creación dun centro sociocultural, con dúas salas de uso múltiple.

Estes obxectivos se concretan en conseguir un espazo representativo na á Oeste, que se mantería: O corpo principal do conxunto, orixinariamente de dúas plantas que non chegaron a nós, proponse limpalo e deixalo como unha sala única, a dobre altura, acorde co novo uso multifuncional, fronte ao seu uso orixinal de dependencias domésticas, e nun intento, ademais, de “monumentalizar” e facer recoñecible o seu valor histórico.

Recuperar o concepto de patio: Á hora de propoñer espazos complementarios que fixeran utilizable a edificación existente e deran sentido ao restos atopados, o proxecto plantexa  un patio, tal e como o conxunto tiña no orixe, e resulta propio da tipoloxía conventual ou de pazo. O patio, entendido así como interior delimitado, trata de recuperar un espazo de encontro significativo, de acceso aos distintos corpos e con capacidade para “recoller” o parque contiguo co que intenta dialogar.

Os muros que hoxe vemos seguen a ser a envolvente definidora e a imaxe do conxunto. A carón deles o patio confeccionaráse cun peche acristalado que define espazos e permite a percepción do espazo orixinal. Con esta nova confección do conxunto obteráse unha antesala, espazo de chegada (recibidor) localizada na entrada principal que tivo o Convento, co arco de acceso como elemento distintivo e referencial; unha segunda sala multifuncional complementaria; e espazos onde situar aseos, instalacións e servizos necesarios para transformar o conxunto nun centro de actividades colectivas.

En definitiva, as actuacións pasan por rehabilitar o corpo principal como espazo único, cunha única planta, obtendo un espazo amplo, de dimensións e escala acordes co uso colectivo; a integración e restauración dos muros do perímetro que se conservan; posta  en valor dos arcos, como elementos singulares, e incorporación de novos  espazos coa creación dun patio cunha antesala de chegada, onde se localizan os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e invite ao uso das actividades que en cada momento se desenvolvan no conxunto, con acceso dende a rúa e dende o patio, para recoller tódolos posibles tránsitos, e dende o que se chega a todos os locais; unha sala de usos múltiples; un espazo pensado para ser utilizada como sala de reunións, de charlas, actividades lúdicas para nenos ou adultos, … definida polo muro e un peche acristalado que delimita o patio.