Obradoiro de danza creativa en familia: movemento, apego e lingua

655

O Concello de Betanzos organiza un Obradoiro de danza creativa en familia para as familias que terá lugar lugar na Sala de Usos Múltiples os sábados pola mañá desde febreiro e ata xuño cunha programación estable completa a programa de dinamización lingüística dos Sábados Miúdos con esta alternativa nun formato dinámico para que as familias poidan desfrutar da expresión co corpo cos máis pequenos e pequenas.

O Obradoiro de danza creativa en familia: movemento, apego e lingua é un proposta destinada para 15 nenos e nenas de entre 1 e 6 anos que poderán vir acompañados de ata dúas persoas adultas e que terá lugar os sábados 26 de febreiro, 12 de marzo, 30 de abril, 28 de maio e 11 de xuño ás 12:00 h na Sala de Usos Múltiples do Edificio Arquivo. Nestas sesións de movemento exploraranse diferentes aspectos a través da danza, a lingua, a música, a emoción e poñeránselle palabras ao movemento do corpo, ás accións, ás emocións, ás características, ás calidades do movemento e a elementos naturais que interpretarán mediante o corpo.

Laura Rodríguez Rey, educadora social e de danza movemento terapeuta, impartirá este obradoiro a través de cinco sesións cunha estrutura similiar e pequenos rituais de inicio e finalización mais con diferentes dinámicas centrais e propostas para explorar. O fomento da lingua dun xeito activo entre as crianzas xoga un papel fundamental que o vincula coas emocións e o movemento neste obradoiro.

O prazo de inscrición no Obradoiro de danza creativa en familia estivo aberto entre o 1 e o 10 de febreiro e ata completar as 15 prazas, con preferencia para as nenas e os nenos empadroados. 

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].