O Concello pon en marcha un programa de asesoramento cunha serie de pautas dirixidas ás familias con nenos e nenas de tres a seis anos

519

O Concello, a través da área de Servizos Sociais, presentou un novo programa de recomendacións e actividades dirixido as familias con nenos e nenas de tres a seis anos durante o confinamento. Ao igual que fixo para as persoas maiores, o equipo de Servizos Sociais deseñou unha serie de actividades que se poden descargar na web municipal www.betanzos.gal ademais dunha serie de recomendacións para o día a día.

Para descargar o programa de actividades lúdicas prema aquí

Entre elas, faise especial fincapé en manter unha actitude serena xa que os nenas e os nenos detectan a intranquilidade familiar, polo que se debe intentar actuar dende a serenidade, sen comentarios alarmistas. Recoméndase que os nenos e nenas utilicen un xogo simbólico para entender a situación porque a rapazada que é pequena pode non entender ben o que está a pasar, porqué ten que quedar no fogar tantos días, porqué non pode ver os avós e as avoas, etc. Unha boa ferramenta é utilizar a metáfora a través de debuxos, historias, contos, disfraces e xoguetes para explicar a situación.

Insisten en que hai que responder as súas dúbidas sobre a Covid-19. Por natureza son seres con curiosidade que precisan encaixar todas as pezas do seu micromundo. Non dar información pode ocasionarlles ansiedade.

O equipo de Servizos Sociais insiste en reforzar os hábitos de hixiene. Aínda que sempre é importante lavar con frecuencia as mans, ou tusir poñendo o antebrazo como barreira, nestes momentos estas condutas deben reforzarse entre as crianzas. Instaurar estes hábitos axudará a saber como actuar noutras situacións similares.

Cartel do programa de actividades

 

Tamén os horarios son importantes e, por iso, recoméndase establecer unha rutina horaria, para evitar a sensación continuada de “estar de vacacións”. Tamén é importante diferenciar o que se fai de luns a venres, da fin de semana. Este será o momento no que realizar actividades máis especiais.

As tarefas escolares son a súa responsabilidade e as familias deben velar porque as nenas e os nenos fagan as tarefas pautadas polo colexio. Pódenos axudar mais tendo en conta que a responsabilidade como estudantes é deles. Así, contribúese á súa autonomía e evítase caer na dependencia e a sobrecarga familiar.

É necesario que vexan a televisión ou gocen de contidos dixitais, mais faise imprescindible que as novas tecnoloxías non ocupen todas as actividades de lecer. Hai que apostar por un lecer alternativo con actividades como xogos de mesa, facer deporte, cociñar, etc e polo tempo en familia, xa que este confinamento  pode ser unha oportunidade para que persoas adultas, adolescentes e nenas e nenos fagan piña, se coñezan mellor, falen de sentimentos, inquietudes e desexos, resolvan conflitos ou temas pendentes, e, en definitiva, presten máis atención ás persoas que queren.

Para atender á veciñanza o Concello ten en marcha un programa de apoio dirixido as familias. Poden chamar ao 981 77 0 707.