O Concello ponse en contacto con arredor de 500 veciños e veciñas, maiores de 75 anos, que viven sós

790

Os Servizos Sociais do Concello manteñen contacto telefónico con arredor de 500 persoas, maiores de 75 anos, que viven soas. A actuación forma parte do programa de asistencia que está a levar a cabo o departamento a través dos psicólogos municipais durante o estado de alarma. Trátase de chamadas para coñecer a situación destas persoas que residen soas tanto na zona urbana como nos núcleos rurais. Nalgúns casos, este seguimento xa se iniciou desde os primeiros días do estado de alarma xa que os veciños ou veciñas eran persoas usuarias dalgún dos programas de Servizos Sociais.

No entanto, hai veciños e veciñas dos que o Concello non dispón de números de teléfono aos que chamar e por iso poranse en contacto por carta. Nesta, explicaráselles o programa e a intención de manter unha comunicación telefónica constante coa que os informarán a través do número que lles faciliten ao Concello para, a partir de aí, telos localizalos. “Non só é un programa puntual durante o estado de alarma, senón que pretendemos prolongalo no tempo”, segundo sinalou a alcaldesa, María Barral.

Unha vez que conclúa o contacto con estas case 500 persoas, ampliarase o programa a persoas maiores de 75 anos mais que conviven con máis xente no núcleo familiar. Xunto con este seguimento, o Concello, coa colaboración de Cruz Vermella, mantén tamén contacto con persoas maiores que viven soas para axudarlles á hora de facer a compra no supermercado ou nunha farmacia.

Para este colectivo mantense aberto de forma permanente un teléfono de atención no 981 774 742. Neste sentido, incídese desde o Concello en que “calquera veciño ou veciña de persoas que vivan soas e que crea que esa persoa necesita algún tipo de axuda tamén pode porse en contacto cos servizos municipais nese mesmo número de teléfono”.