O Concello repartirá cerca de 170000 euros en axudas a entidades culturais, educativas, xuvenís, sociais e deportivas

224

O Concello repartirá arredor de 170 000 euros en axudas a  entidades culturais,  deportivas, educativas, xuvenís, sociais, deportivas e a deportistas individuais. Serán a través dunha convocatoria pública aberta e a través de axudas nominativas. Sobre as primeiras, acaban de aprobarse as bases da convocatoria polo goberno local polo que se farán efectivas nos vindeiros días.

 

A  convocatoria, de 25 000 euros, farase pública a vindeira semana no BOP e establecerá axudas económicas para quen realice actividades de:

Promoción de actividades educativas. Inclúe actuacións tales como os cursos, as actividades extraescolares, seminarios, servizos de préstamo de libros e outras actividades relacionadas coa formación, ben polos propios centros educativos, ben polas asociacións de alumnado dos centros, ben polas asociacións de pais e nais do alumnado destes.

Promoción de actividades culturais. Destinadas a actividades tales como celebracións, homenaxes, exposicións, publicacións, concursos, certames, mostras, excursións, eventos musicais, encontros, conferencias, estudos, espectáculos dos diversos estilos musicais, programas de formación práctica musical e, en xeral, calquera actividade de conservación, promoción e divulgación dos valores culturais.

Promoción de actividades deportivas. Neste apartado foméntanse os gastos derivados de participación en competicións oficiais, e gozan de especial protección o deporte da infancia e mocidade; tamén poderán ser obxecto de subvención os eventos deportivos especiais.

Promoción de actividades sociais. Entre as que estarían actividades tales como gastos derivados de actividades nas áreas de familia, infancia e mocidade, persoas maiores, diversidade funcional, drogodependencias e outros trastornos aditivos, violencia de xénero, igualdade de oportunidades e persoas en risco ou situación de exclusión ou especiais dificultades de inserción social e/ou laboral. Tamén serán tidas en conta as actividades de fomento e implantación do asociacionismo na terceira idade.

Promoción de actividades dirixas á mocidade. Neste apartado foméntanse os gastos derivados da promoción do asociacionismo xuvenil, a realización de actos de carácter socioeducativo dirixidos a tratar as distintas problemáticas que na actualidade afectan á mocidade e programas de animación sociocultural en xeral.

Estas subvencións son compatibles con outras sempre que a suma delas non supere o gasto total da actividade.

A maiores destas subvencións, o Concello outorgará outros 142 000 euros a entidades de diverso ámbito que realizan ao longo do ano actividades. Trátase de entidades que desenvolven unha actividade continua e que moven a unha importante masa social e que cobren, en certa medida, un espazo de formación e axuda a moitas familias que sería imposible, materialmente, realizar desde a administración pública. De aí a importancia que ten para un municipio como Betanzos poder contar con estas entidades, indicou a alcaldesa, María Barral.

Entre elas figuran Cruz Vermella de Betanzos, Coral Polifónica, Betanzos CF, ACEBE, Concilia,  Náutico Ría de Betanzos, Amigos de la Banda, Fundación CIEC, Club Troula Fútbol Sala, Club de Baloncesto Santo Domingo, APEM, CAIMÁNS, Cáritas Betanzos, Club Ciclista Betanzos, Asociación de Amigos del Casco Histórico, ASPACE, Chescasco; As Vellas non Paran, Asociación de Loita contra o Cancro e o Club Xadrez Betanzos.