O Concello comezará nuns días as obras de mellora da rúa Santa María tras o atraso acumulado pola renuncia de dúas construtoras incapaces de manter as súas ofertas

167

O Concello ten previsto iniciar nos próximos días as obras de mellora de rúa Santa María despois dos atrasos acumulados na adxudicación dos traballos como consecuencia da renuncia de varias empresas por problemas de subministración de material ou pola imposibilidade de poder manter as ofertas coas que se presentaron ao concurso. En xuño adxudicóuselle á terceira empresa que se presentou ao concurso e agora iniciaranse os traballos que forman parte do Plan Único da Deputación Provincial e no que se investirán máis de 150 000 euros.

Con este proxecto continúa a política de rehabilitación de vías e espazos públicos situados en zonas significativas dentro do centro histórico. Neste caso exponse a pavimentación e a mellora de servizos da rúa Santa María.

A finalidade de todas estas actuacións é reforzar os valores arquitectónicos e espaciais da zona e contribuír así á revalorización patrimonial, social e turística desta parte da cidade. A rúa atópase situada nunha zona dun grandísimo valor cultural, artístico e patrimonial dentro do centro histórico da cidade, concretamente está situada na contorna do conxunto monumental formado polas igrexas de Santa María do Azougue e San Francisco, ambas as dúas pertencentes ao gótico tardío, fundadas no século XIII, construídas no século XIV.

A rúa Santa María conta na actualidade con dous tipos de pavimentos, chapacuña de lousa con caras de corte irregular e laxas de granito no centro da calzada no tramo comprendido entre rúa San Francisco e o entroncamento coa Segunda Venela de Clérigos, pavimentación que presenta nalgunha zona un aspecto malo debido á apertura de gabias para tentar liquidar problemas existentes nos distintos servizos e laxas de pedra totalmente irregulares e desgastadas con xuntas de morteiro de espesores excesivos no resto da rúa ata o seu entroncamento con rúa Pinche.

As obras previstas pretenden, sen dúbida, contribuír a reforzar os valores arquitectónicos, segundo indicou a alcaldesa, María Barral, quen explicou que con estas obras “preténdese contribuír á revalorización patrimonial, histórica e turística, ademais por suposto de optimizar o funcionamento das instalacións municipais e liquidar os problemas existentes nas redes actuais”. Coa actuación que se pretende levar a cabo nesta rúa, “dáselle continuidade ás actuacións realizadas en anos anteriores noutras rúas da súa contorna, así como no resto do centro histórico e concretamente nas rúas Pinche, Cerca, Noas e Pastelaría”.

Dadas as características da rúa no que se refire ao seu trazado e dimensións exponse unha pavimentación con laxas de cantaría, sen desniveis, seguindo a pavimentación realizada noutras rúas próximas. As obras contemplan a substitución dos servizos de abastecemento, recollida de residuais e recollida de pluviais coa finalidade de renovar unhas canalizacións obsoletas e liquidar os problemas existentes nestas redes, a mellora da deficiente iluminación pública, a futura eliminación dos cruzamentos aéreos de electricidade e telefonía e a substitución do actual pavimento de chapacuña e pedra por un pavimento de laxas de granito en toda a rúa.