O goberno local comeza os traballos para estabilizar o único que muro que queda da Casa Gótica e inicia a tramitación para contratar o proxecto técnico para levantar a estrutura da vivenda

514
Número 5 da rúa da Cerca,, a coñecida como Casa Gótica.

O Concello iniciou, de forma subsidiaria, os traballos de estabilización da fachada lateral do número 5 da rúa da Cerca, a coñecida como Casa Gótica. A decisión foi tomada polo goberno local ante o risco de esboroamento de cara á vía pública do muro situado na parte dereita da leira, como se desprendía no informe técnico emitido polos servizos municipais. A actuación será subsidiaria con todos os gastos, danos e perdas por conta da propiedade en conformidade co disposto na Lei do solo de Galicia.

Iniciado o expediente, o Concello encargou un proxecto técnico de estabilización da fachada lateral da Casa Gótica. O valor estimado das obras ascende a case 22 000 euros. A empresa adxudicataria dos traballos renunciou a estes polo que o Concello, dada a urxencia da realización das obras, consultou con outra empresa construtora que aceptou os traballos. A contratación e posterior renuncia atrasou o inicio das actuacións, contra a vontade do propio Concello que agardaba executar as obras a finais do pasado ano.

O goberno local explicou  que a decisión, á marxe do estado do muro, responde a “unha intención clara de recuperar o inmoble” e que a propiedade asuma a súa responsabilidade. “Non podemos seguir máis tempo soportando unha situación como esta e por iso imos establecer todos os mecanismos que estean ao noso alcance para que se recupere o inmoble”, sinalou a alcaldesa, María Barral.

Neste sentido, anunciou que o goberno local iniciou os trámites para a contratación do proxecto técnico “para levantar a estrutura da casa. A partir de aí buscarase a maneira de levalo a cabo, mais ese ten que ser o primeiro paso, dispor dun proxecto técnico que comprenda levantar a estrutura da vivenda”.