O goberno local conclúe os traballos de estabilización do único que muro que queda da Casa Gótica

595
Número 5 da rúa da Cerca,, a coñecida como Casa Gótica.

O Concello concluíu os traballos que realizaba de forma subsidiaria de estabilización da fachada lateral do número 5 da rúa da Cerca, a coñecida como Casa Gótica. As obras executáronse durante estes últimos días despois de que o goberno local tomase a decisión de abordalos ante o risco de derrubamento cara á vía pública do muro situado na parte dereita da leira, como indicaba o informe técnico emitido polos servizos municipais. Todos os gastos, danos e prexuízos serán por conta da propiedade en conformidade co disposto na Lei do solo de Galicia.

Logo de iniciar o expediente, o Concello encargou un proxecto técnico de estabilización da fachada lateral da Casa Gótica. O valor estimado das obras ascende a case 22 000 euros. A empresa adxudicataria dos traballos renunciou a estes polo que o Concello, dada a urxencia da realización das obras para realizar, consultou con outra empresa construtora que aceptou os traballos. A contratación e posterior renuncia atrasou o inicio das actuacións, contra a vontade do propio Concello que agardaba executar as obras a finais do pasado ano.

O goberno local explicou que a decisión, á marxe do estado do muro, responde a “unha intención clara de recuperar o inmoble” e que a propiedade asuma a súa responsabilidade. “Non podemos seguir máis tempo soportando unha situación como esta e por iso imos establecer todos os mecanismos que estean ao noso alcance para que se recupere o inmoble”, sinalou a alcaldesa, María Barral.

Neste sentido, xa iniciou os trámites para a contratación do proxecto técnico “para levantar a estrutura da casa; a partir de aí buscarase a maneira de levalo a cabo, pero ese ten que ser o primeiro paso, dispor dun proxecto técnico que contemple levantar a estrutura da vivenda”.