O goberno local incidiu ante os departamentos de Intervención e Tesouraría na necesidade de axilizar os pagamentos a provedores e que as facturas que se rexistren vía telemática sexan conformadas de forma excepcional pola Alcaldía ou o concelleiro delegado correspondente co fin tamén de prexudicar o menos posible aos provedores. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, que indicou que esta foi unha medidas incluídas dentro do paquete de accións económicas pola crise xerada polo Covid-19.
Esta medida súmase á compensación das taxas correspondentes ao Conservatorio municipal de Música, á Escola de folclore e á Escola infantil municipal ante a afectación do Covid-19. Tamén se estudará a fórmula de compensar ás persoas usuarias doutros servizos que son municipais mais desenvolvidos por distintas empresas como o comedor escolar ou as instalacións deportivas.
A maiores, o goberno local estudará cos partidos con representación municipal distintas medidas canto aos impostos e taxas municipais que teñen relación directa con sectores que neste estado de confinamento non poden desenvolver a súa actividade. Sobre a mesa hai distintas ordenanzas e agora, xunto cos servizos xurídicos e económicos, o Concello estudará o modo de aplicar estas bonificacións