O goberno local espera que a Xunta incremente o seu investimento no centro histórico coa área Rexurbe á vez que lle esixe a entrega das vivendas rehabilitadas e que contan con licenza de primeira ocupación

168

O goberno local mostrou a súa satisfacción pola aprobación por parte da Xunta da área Rexurbe solicitado polo Concello, co que se pretende impulsar actuacións públicas e privadas dirixidas á mellora dos inmobles existentes e dos espazos públicos xunto con medidas sociais, ambientais e económicas dirixidas á mellora das condicións de vida, a creación de riqueza e postos de traballo e a dinamización demográfica.

O goberno local espera que a través deste Plan, unha vez sexa aprobado definitivamente, a Xunta desenvolva tamén novas actuacións e investimentos no centro histórico que contribúan á súa dinamización e recuperación.

O obxectivo é realizar actuacións de rehabilitación e mellora de edificacións e trama urbana, que incidirán sobre a situación económica e social dos ámbitos da área Rexurbe e de todo o centro histórico.

Unha vez realizada a declaración da área Rexurbe, o Concello redactará agora un plan de dinamización da mesma, no que se indicarán as medidas para adoptar e actuacións que se deben levar a cabo, o custo estimado das mesmas e as fontes de financiamento, público e privado, para levalas a cabo.

Para a redacción do plan de dinamización, o Concello contará cun modelo elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), segundo o establecido na lei de rehabilitación. Para a redacción deste modelo de plan de dinamización o organismo público contou coa colaboración, a través dun convenio, da Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O plan de dinamización que redacte o Concello será sometido logo a consultas cos organismos incluídos no mesmo antes de sometelo á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, aprobación que facilitará o inicio de actuacións na área Rexurbe de Betanzos.

Por outra banda, coincidindo coa aprobación, o goberno local insistiu na necesidade de que a Xunta realice o sorteo e a entrega das vivendas que xa ten finalizadas no centro histórico e que contan con licenza de primeira ocupación “e que despois de meses desde que concluísen as obras seguen ser entregadas”. Espera que este programa “non sexa utilizado de forma partidista pola Xunta aproveitando as próximas eleccións municipais e respecten ao Concello, a quen deixou de lado cando realizou a entrega das primeiras vivendas o que motivou unha queixa formal por parte da administración local”.