Betanzos mellora as beirarrúas na urbanización Río Sol cun investimento de algo máis de 100.000 euros

142
A alcaldesa, María Barral, xunto ao concelleiro de Obras, Diego Fernández, e técnicos municipais visitaron os traballos

O Concello mellora as beirarrúas e servizos da urbanización Río Sol. Trátase da beirarrúa situada na estrada de que une Betanzos con Oza á altura de As Cascas con traballos que inclúen a renovación de todos os servizos, a substitución do pavimento e a colocación de mobiliario urbano, mantendo as prazas de aparcamento en batería tal cal están nestes momentos.

A alcaldesa, María Barral, xunto ao concelleiro de Obras, Diego Fernández, e técnicos municipais visitaron os traballos e explicaron aos veciños da zona a actuación que se está executando, incidindo na mellora da seguridade, a mellora dos servizos coa substitución das redes de abastecemento, saneamento e pluviais;  o cambio de pavimento e  a eliminación de puntos onde existían barreiras arquitectónicas coa creación dunha zona peonil dotada de mobiliario urbano.

Nese encontro, a primeira edil explicou que se trata dunha actuación “relevante” por canto afectará a un tramo que dá servizo a un importante número de persoas. A primeira edil aclarou cos veciños que o proxecto recolle a ampliación dunha zona peonil mantendo as prazas de aparcamento en batería que existían ata o de agora, excepto tres, “ao contrario do que algúns, de forma malintencionada, trasladaron aos veciños, manifestandoles que se suprimirían todas as prazas. Todo o contrario”, indicou a alcaldesa.

As obras previstas pretenden, sen dúbida, mellorar as condicións ao longo da urbanización e liquidar os problemas de filtracións das redes de saneamento e abastecemento. Coa actuación  preténdese dar continuidade ás actuacións que veñen realizando de forma paulatina en distintas rúas do centro urbano coa intención de mellorar os servizos existentes, liquidar os problemas que presentan e sen dúbida mellorar as condicións dos pavimentos.

Dadas as características da zona exponse a ampliación do ancho das beirarrúas en 30 cm, salvo diante do edificio nº3, en cuxo fronte se proxecta beirarrúa en todo o ancho, ocupando tres prazas de aparcamento para resolver a diferenza de niveis mediante ramplas de acordo con a normativa de accesibilidade. Na zona onde a beirarrúa é máis ancha plantaranse  árbores e  bancos, creando así un pequeno espazo para uso do cidadán, redefinindo e mellorando a circulación peonil.

As beirarrúas realizaranse con bordo de granito e baldosas con acabado superficial gris granallado  antiescorregadiza. O investimento é de algo máis de 100.000 euros.