O goberno local reclama á Xunta medidas urxentes para mellorar a seguridade na estrada que une Betanzos e Abegondo en Guiliade e Montellos

350

O goberno local pretende que a Xunta mellore a seguridade vial, despois de anos de espera, a estrada AC-542 que une Betanzos con Abegondo, en diferentes tramos. Neste sentido, propuxo onte ao Pleno a adopción de diversos acordos para dirixirse á Xunta.

 

Entre eles, pedirlle que proceda a a considerar o tramo da AC-542 PK 4+198 ao PK 4+828 en Guiliade, como travesía e, en consecuencia, limitar a velocidade de circulación permitida a 50 km/h en lugar dos 70 km/h que figura na actualidade.

Trátase dun núcleo no que se atopan 43 parcelas, das cales 23 contan con acceso de vehículos e no cal se deron varios accidentes graves, tendo ademais en conta que esta vía entróncase coa estrada provincial DP-0810 e polo tanto o Concello considera necesario reducir a velocidade.

No ano 2017 o goberno local solicitoulle á Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda a adopción de medidas para levar a cabo a construción dun camiño seguro ata o centro Pai Menni e, posteriormente incidiuse neste aspecto e na necesidade da construción dunha pasarela peonil en Infesta, concretamente sobre a ponte do Ferrocarril. Este proxecto está redactado e atópase dende o ano 2019 na Oficina de Planificación da Axencia Galega de Infraestruturas, pendente da orde política de acometer a obra, polo que se instou á Xunta a facelo.

Por último, pediu á Xunta sinalizar e a levar a cabo as accións necesarias para eliminar os perigos existentes no cruce de Montellos da estrada AC-542. Foron múltiples as peticións realizadas ante a Xunta para que se adoptasen medidas de seguridade no cruce de Montellos, cruce considerado como outro punto delicado polo entronque coa estrada DP-0105 e no que se deron varias colisións sen que dende o Goberno galego se adoptase ningunha medida ata a data de hoxe, a maiores de retirar unhas sinais colocadas polo concello nas que se advertía do cruce perigoso.