O goberno local iniciou os traballos de restauración dos escudos da Casa do Concello, dentro de programa de recuperación de patrimonio municipal que está a levar a cabo. Trátase dunha actuación que inclúe traballos tanto na fachada como no interior e cuxo obxectivo é “recuperar o indubidable valor histórico e artístico que abarcan múltiples épocas”. En total son tres escudos na fachada exterior e tres no interior, no recibidor do Concello e outros dous tondos ou medallóns con bustos de reis.
Os escudos que se restaurarán na fachada sitúanse no segundo andar do edificio, entre as xanelas do primeiro e segundo andar. Están policromados sobre uns perpiaños dispostos en dúas fiadas e rematadas por unhas pezas troqueladas que se axustan á forma da coroa que os timbra. Estes perpiaños están superpostos á fachada do edificio e parecen ser engadido posterior ao deseño da Cada do Concello de Ventura Rodríguez, no último terzo do século XVIII.
Os escudos da fachada son unha copia dos existentes na Porta da Vila. Cada un deles debaixo de cada xanela. O primeiro, na parte esquerda da fachada, é un escudo sobre fondo azur cinco copas de ouro pechadas, timbrado con coroa real.
O do medio é un escudo timbrado pola coroa real pechada, no seu interior un castelo de ouro ameado de tres ameas sobre un campo de gules, cachotado de xabre e clareado de azur, cun león rampante linguado.
O terceiro escudo da fachada que será restaurado, o situado á dereita do inmoble, é un escudo timbrado pola coroa real, sobre campo azur, unha torre de dous corpos de prata sostida por unha ponte de tres arcos de idéntico metal, sobre as augas dun río natural. Unha torre con seis roeis de ouro.
Os escudos están pintados sobre perpiaños ou placas de pedra que parecen superpostas sobre a fachada, posiblemente nunha época posterior á construción do edificio. Trátase dun granito de gran fino, coa coloración bastante clara e uniforme. Os traballos consistirán na limpeza superficial da zona, a limpeza da policromía, a fixación desta, reintegrándoa con acuarelas. A última fase será a de protección da peza.
Os escudos do interior están situados no vestíbulo. Nesta zona atópase o escudo de Betanzos, o escudo do Reino de Galicia, dous medallóns con figuras masculinas e o escudo de Carlos V. Estas pezas proceden da antiga Casa do Concello, construída no Renacemento e que foi desmantelada por Ventura Rodríguez no último terzo do século XVIII para construír o actual Concello.
A maiores, restauraranse tamén os medallóns do Concello, situados xunto ao escudo de Carlos V do que estas pezas formarían parte. Trátase de representacións de Alejandro Magno e o rei David.
A restauración desta parte importante da historia de Betanzos suporá un desembolso duns 16 000 euros e será realizada por persoal técnico especializado en conservación e restauración de bens culturais, con especialidades en pintura e escultura.