Betanzos comezará en maio un novo paquete de obras de mellora das vías municipais en varias parroquias do rural

222
A alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, en Casasnovas, en Infesta, onde se executaron traballos de pavimentación e sinalización de viarias municipais.

O goberno local comezará en maio os traballos de mellora  de pavimentación e seguridade de viarias municipais en Viladesuso, Viraventos e Gas, dentro do programa de acondicionamento dos viarios municipais. Os traballos inclúen unha nova pavimentación e sinalización horizontal e vertical, con pintado dos bordos da calzada. Previamente aos traballos, realizarase a limpeza de noiros e beiravías.

Os camiños afectados son dous en Viladesuso (zona de Os Martigos, cara ao encoro de Cecebre) e zona da Picheira, no límite con Bergondo; o camiño do Vilar en Viraventos e os dous camiños que parten da igrexa de Tiobre a Gas. O importe destas actuacións ascende a 111 917 euros. As obras forman parte das actuacións do programa POS 2021 adicional.

Eses traballos comezarán unha vez finalicen os que se atopan nestes momentos en execución en Viladesuso, Xanrozo, Touriñao, e Castro, a través doutro proxecto incluído no POS 2021 por un importe de 185 793 euros

Trátase de camiños moi utilizados que permiten o acceso directo dos núcleos de poboación ás estradas autonómicas e provinciais, e cuxo pavimento está moi deteriorado polo paso de tempo e a circulación rodada que soportan, que, ademais, están sen sinalización horizontal, o que supón unha inseguridade, especialmente para o uso peonil. Esta rede de camiños de titularidade municipal supón a conexión dos núcleos poboacionais da zona rural coa zona urbana. Xunto con estes camiños, tamén se executarán en viarios de San Xiaio, Os Tabaques e Illobre, segundo explicou o concelleiro de Obras, Diego Fernández, que anunciou outros dous proxectos que incluirán núcleos en Guiliade, O Farragoto e Requián, Pontellas, San Martiño e Piadela.

Así, o Concello segue desenvolvendo un programa que prevé a mellora de estradas en toda a zona rural a través de diversos plans en convenio coa Deputación provincial, axudas da Xunta e con partidas propias dos orzamentos municipais. Nos últimos meses executáronse obras no Tarreo; Guiliade-A Rúa; e Talai, dentro do mesmo programa municipal de pavimentacións, rozas e reforzo de sinalización; e tamén de pavimentación e sinalización horizontal e vertical nas parroquias de Requián e Santo Estevo de Piadela, que forman parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Xanrozo, Guiliade e Piadela.