O Goberno local reunese coa dirección e a ANPA do Vales para analizar as medidas incluídas no protocolo de Educación para o próximo curso escolar

1039

O  goberno local, a dirección do colexio Vales Villamarín e representantes do Anpa mantiveron unha reunión para analizar a  medidas incluídas no protocolo de Educación para o próximo curso escolar, unhas medidas que a alcaldesa, María Barral, considera “inasumibles e difíciles de cumprir” para un centro como o Vales Villamarín no que cursan un milleiro de alumnos. “O Concello xunto coa dirección do colexio e a asociación de pais trataremos de establecer as actuacións necesarias para cumprir o protocolo establecido, habilitando por parte do  Concello o gasto necesario para que os nosos alumnos e alumnas desenvolvan o curso coas máximas medidas de seguridade en prevención da Covid-19. Iso non quita para que mostremos o noso malestar pola situación. Uns fan o protocolo e outros, aínda sen competencias nin partidas económicas para iso, temos que buscarnos a vida para levalo a cabo”, sinalou a alcaldesa.

Lamenta que a única achega da Xunta para un centro dun milleiro de alumnos sexan dúas caixas de “máscaras unhas cen, destinadas a aqueles alumnos que se poidan romper durante a xornada lectiva. Non é normal”. Por iso, o Concello colaborará co centro tanto nese tema como en dotar ao profesorado, máis de 60 mestres, de material de protección “que tampouco a día de hoxe dispoñen para o próximo curso”.

A primeira edil indicou que para poder cumprir o protocolo establecido “haberá que adecuar as instalacións escolares” e ese acondicionamento terá que realizalo o  Concello a pesar de que “non é unha competencia propia”. “Haberá que sinalizar, instalar  dispensadores de xel  hidroalcoholico, separar aulas en infantil para que cada unha sexa independente da outra e conten con baño propio; reformar as entradas e instalar un novo portalón automático cun custo, por exemplo, que supera os 5.000 euros; ou realizar a limpeza, tres veces cada xornada, con medios municipais”.

Estas actuacións terán que ser sufragadas directamente polo  Concello con fondos propios. “De momento non se cuantificou exactamente pero estamos a falar dunha cantidade moi importante que o Concello terá que asumir en solitario porque a Xunta non vai destinar un só euro para iso.

O  Concello de Betanzos e outros concellos teremos que asumir este gasto porque a través da Fegamp xa nos comunicaron que non realizarán achegas extra aos concellos a pesar de que a Xunta vai recibir unha achega moi importante por parte do Estado para Educación”. Para ela, o lóxico é que “a Xunta derive parte destes ingresos aos concellos”.

Reunións sectoriais

María Barral anunciou que se manterán as reunións de traballo e planificación coa dirección do colexio e a Anpa para seguir avanzando noutros aspectos nos que tamén se contará coa presenza de responsables de cada área a nivel municipal. “Quédanos pechar varios programas ou actuacións en materia de limpeza, para cumprir o protocolo e establecer os medios necesarios para iso; de tráfico, xa que cambiará tanto a entrada como a saída de alumnos, en relación á etapa  precovid, restrinxindo, por exemplo, os accesos polo  Camiño  do Carregal (xusto a zona diante do colexio).

En canto ao comedor, todo apunta a que haberá “dúas quendas para dar cobertura aos máis de 325 alumnos e alumnas e manter as medidas de seguridade establecidas por Educación, aínda que aínda se está estudando”.

Neste sentido, co espazo que hai dispoñible a día de hoxe é imposible “manter unha distancia de 1,5 metros entre alumnos, polo que se ocupará todo o salón de actos. Con iso tamén haberá que adquirir novo mobiliario”. En primaria, os alumnos máis pequenos comerían nun hipotético “primeira quenda, de dúas a tres da tarde; e os alumnos dos últimos ciclos de Primaria de tres a catro da tarde. Isto conlevaría á necesidade de contratar monitores para facerse cargo dos alumnos cando saian do comedor, outro gasto que tamén asumiría o  Concello”.

No aulario de infantil, “non hai problemas de espazo no comedor pero si de mobiliario, co que haberá que adquirir máis mesas para manter a distancia social”.

María Barral avanzou que en canto ao programa de conciliación de madrugadores, en principio, non se “ven problemas para poder mantelo tal e como viña desenvolvendo”. De momento, onde aínda hai dúbidas “é coas actividades extraescolares, á espera de manter unha reunión a varias bandas para analizar en profundidade a situación e tomar as determinacións que se crean oportunas”.