O goberno local rexeita unha solicitude da antiga concesionaria da ORA que reclama agora 225 000 euros, catro anos despois de deixar de prestar o servizo

311

O goberno local proporá no Pleno rexeitar a petición da que foi no seu día concesionaria do servizo de ordenación e regulación de aparcadoiro na vía pública e retirada de vehículos (ORA), a empresa Setex Aparki SA, na que solicita unha indemnización de 225 242 euros en concepto de liquidacións pendentes durante os anos nos que tivo a concesión, entre o ano 2000 e marzo de 2017.

Segundo os informes xurídicos e económicos do Concello as solicitudes realizadas pola empresa en outubro de 2021 e en marzo deste mesmo ano 2022 os seus escritos con máis de catro anos despois da finalización da concesión resultan “extemporais” e, por tanto, “inadmisibles segundo establece a Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas” na que se indica que se establece un prazo dun mes para interpor un recurso de reposición. Neste caso, o Concello, por Decreto, notificoullo en tempo e forma ao interesado en abril de 2017.

Tendo en conta esta circunstancia, o Concello rexeita a solicitude presentada agora pola entón empresa concesionaria á que tamén lembra o informe xurídico emitido polo Concello en novembro de 2016 no que se manifestaba que, de acordo co prego, os “remanentes negativos a favor da empresa concesionaria que poida haber (por non cumprirse as previsións de ingresos da empresa) non supoñen de ningún modo que o Concello teña unha débeda co concesionario por ese importe, nin que o concesionario teña dereito que o Concello lle aboe este importe na liquidación final do contrato. Será o contratista, que xestiona o contrato ao seu risco e ventura, o que deberá asumir, como vén facendo ata agora, esta circunstancia, polo que á finalización da concesión non existiría ningún tipo de débeda por parte do Concello a favor do contratista”.

Nese mesmo informe de 2016 xa se advertía que “o prego non establece en ningunha das súas cláusulas que se non hai excedentes de recadación e, por tanto, non se cobran os custos de explotación do servizo (cuestión allea ao Concello), o Concello teña que aboarlle ao contratista esa diferenza, nin que teña que compensala dos futuros excedentes que poida haber”.